O PP rexeita escoitar á opinión dos reitores sobre a universidade privada de Abanca

O BNG pediu a comparecencia destes representantes das universidades galegas no debate sobre o proxecto de lei para a nova institución académica. No entanto, o grupo popular vetou estas voces discordantes, o que para o Bloque é unha mostra de que o partido de Goberno na Xunta e o banco están na mesma liña.
O deputado Manuel Lourenzo nunha imaxe de arquivo. (Foto: BNG) #manuelourenzo #bng #pp #parlamento #galiza
photo_camera O deputado Manuel Lourenzo nunha imaxe de arquivo. (Foto: BNG)

O grupo do BNG no Parlamento galego vén de denunciar que o PP impediu que a súa proposta de escoitar a opinión dos reitores das universidades galegas sobre o proxecto privado de Abanca fora adiante. O Bloque ve nesta negativa unha intencionalidade do Partido Popular, ao que ve na mesma liña de traballo que a entidade financeira.

Para o portavoz nacionalista na área de Educación, Manuel Lourenzo, sería útil que os máximos representantes das tres universidades galegas compareceran no relatorio sobre o proxecto de lei para recoñecer a primeira universidade privada da Galiza, impulsada desde Abanca.

Na constitución do relatorio da Cámara, o nacionalista tamén solicitou que se permita falar á representación das estudantes e do colectivo de Persoal de Administración e Servizos, á rede Investigal e mesmo aos sindicatos.

Tamén aludiu ao ex reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto, que escribira Universidade Galega, sempre pública.

Malia os seus argumentos para convocar a todas estas persoas ligadas á comunidade académica, entre os que estivo o gran impacto que terá a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, Lourenzo bateu co non do grupo parlamentario popular.

En todo caso, defendeu "a necesidade de darlles voz e escoitalos, nomeadamente o posicionamento dos reitores sobre o proxecto de lei presentado polo Goberno galego" porque implica iniciar o camiño cara "un cambio de modelo" e abre a posibilidade da "privatización da Universidade pública" no futuro.

Por iso, o veto do PP "non fai senón confirmar a falta de transparencia e o seu aliñamento con Abanca en favor da universidade privada e en detrimento da universidade pública". Algo que o Bloque Nacionalista Galego xa rexeitara porque a iniciativa do banco é "elitista, excluínte e absolutamente innecesaria" tendo en conta que Galiza ten tres universidades e sete campus.

Comentarios