O PP opta por manter a norma que permite manter concelleir@s non eleit@s nos gobernos

Acusa o BNG e as demais forzas da oposición de marcaren "o guión" do discurso político e de procuraren "gañar" as eleccións "através do desgaste" do Partido Popular.

Paula Prado en sede parlamentar (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paula Prado

A proposición debatida esta terza feira a instancia do grupo parlamentar do Bloque no Pazo do Hórreo, visaba a supresión do artigo 182 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral mediante o que se permite a incorporación de edís non eleit@s nas corporacións municipais. 

Porén, explicou a deputada nacionalista, Tereixa Paz, entre os seus obxectivos estaba tamén "suscitar un debate que polo que semella está de moda". E é que para a organización frontista a súa proposición entroncaba co conxunto de medidas de "rexeneración democrática" que di promover o Partido Popular desde a Xunta de Galiza e o goberno do Estado español. Iso si, matizou Paz, "a súa perspectiva non coincide coa que teñen nen o BNG nen a sociedade galega". 

A iniciativa achegada polo grupo do BNG, explicou Tereixa Paz, tiña por obxecto "pór fin á infamia antidemocrática" que promoveu o partido Popular en concellos como o de Santiago de Compostela onde, após a inhabilitación ditada xudicialmente a 7 d@s concelleir@s, o PP nomeou a maior parte da nova equipa municipal "a dedo". 

Só o PP votou en contra da toma en consideración da proposta presentada polo grupo parlamentar nacionalista

"Parécenos que é unha vía absolutamente antidemocrática", sinalou Paz, por non se someteren estas persoas ao sufraxio eleitoral, mais tamén, por empregaren "de maneira interesada" "partidista" as razóns que motivaron a aprobación desta prerrogativa legal en 2003 e que visaba "afastar os terroristas das institucións" no marco do conflito político que atinxiu Euskal Herria. 

As forzas da oposición (PSdeG-PSOE, AGE e Grupo Mixto) apoiaron a proposición de lei presentada polo Bloque e instaron o Parlamento de Galiza a encetar un debate que, no entanto, debe ser dirimido nas Cortes españolas ao recaer nestas a competencia exclusiva en materia eleitoral. Porén, desde as ringleiras do Partido Popular, a deputada Paula Prado, ex-concelleira compostelá e ex-voceira tamén do partido, rexeitou a proposta e mesmo acusou "a esquerda" de pretender "marcar o guión" do debate parlamentar. 

Paula Prado acusou as forzas da esquerda parlamentar de pretenderen marcar "o guión" do debate político e defendeu a "lexitimidade" do goberno compostelán do que ela fixo parte

Prado, que se mantén inmersa no proceso xudicial que motivou a incorporación dest@s 7 concelleir@s non eleit@s, defendeu con unllas e dentes a "lexitimidade" da aplicación feita por parte do seu grupo municipal acusando ás demais forzas políticas de térense amparado nesa mesma prerrogativa para introducir mudanzas noutros grupos ao longo e ancho do país. 

No entanto, obviou dar resposta ás acusacións lanzadas desde o BNG --e as demais forzas do Parlamento-- que acusan o PP de empregar a lei para "manterse no poder" e retrucou afirmando que a súa aplicación en Compostela visaba resolver a "inestabilidade política" xerada pola inhabilitación de 7 edís por sentenza xudicial, unha situación "excepcional", dixo, que autoriza a aplicación dese artigo aínda que constitúa, unha "interpretación que desvirtúa a lóxica do precepto no que se asenta o 182.2", afirmou Francisco Caamaño polo PSdeG-PSOE. 

O debate parlamentar xirou arredor, tamén, da reforma eleitoral anunciada por Mariano Rajoy e que constitúe, segundo @s deputad@s da oposición un "pucheirazo electoral" co que o PP pretende cortar a sangría de apoios que reflectiron, entre outras, "as eleccións europeas", sinalou Tereixa Paz. Unha medida que vén sumarse ao "recorte de escanos no Parlamento de Galiza" e que dá boa conta, asegurou Yolanda Díaz (AGE) de que "o réxime electoral é o máis maipulábel para manter o poder". 

Comentarios