O PP dá amparo no Parlamento ao decreto que ameaza a Fraga de Catasós

O grupo popular nega que se vaian talar os castiñeiros máis altos de Europa. 

Catasós
photo_camera Fraga de Catasós

A iniciativa proposta polo BNG visaba a paralización dos traballos que ameazan a Fraga de Catasós en Lalín debido á remodelación da subestación eléctrica que Fenosa ten na zona. O obxectivo do proxecto é substituíla por un novo modelo anillado que permita unha dupla entrada do fluxo de enerxía procedente do encoro de Belesar, dunha banda, e outra do Irixo. 

Desde o Partido Popular tildan de "necesidade" esta infraestrutura argüíndo que "unha avería" deixaría "morto enerxeticamente" Lalín. Aliás, defenden que nen son "2 mil carballos e castiñeiros" os que se verían atinxidos pola construción da obra nen "tampouco se trata da Fraga de Catasós" o espazo no que esta se vai construír. Polo tanto, rexeitan abandonar o proxecto autorizado desde a Dirección xeral de Enerxía e Minas. 

O BNG defendeu a consideración de todo o espazo natural, e non só da Fraga, como un lugar de protección

En sesión parlamentar esta quinta feira (6 de novembro), a deputada do BNG, Carme Adán, procurou a unanimidade das forzas políticas a fin de frear o proxecto de Fenosa e salvagardar este espazo catalogado como Monumento Natural. A proposta da nacionalista perseguía a realización do estudo dunha alternativa que pasaría polo soterramento da liña de alta tensión.

Unha "unidade paisaxística indisolúbel"

Desde a organización frontista defenden que --embora situárense os traballos a escasos quilómetros da Fraga de Catasós-- a "unidade paisaxística" disposta ao longo do "rego de Quintela" constitúe un conxunto "indisoluble” que debe ser respectado. Mais, para o deputado do PP, Román Rodríguez, "o ámbito do monumento non se toca". 

Tanto PSdeG como AGE apoiaron a iniciativa presentada pola deputada nacionalista e concordaron en sinalara que a Xunta de Galiza non pode defender os "intereses económicos" da eléctrica en detrimento do valor paisaxístico do espazo de Casas Vellas.

O PP defendeu a obra de Fenosa para que Lalín non fique como un lugar "morto enerxeticamente" de sufrir unha avería a actual subestación

No entanto, malia semellar inicialmente que se podería chegar a un punto de encontro no que se combinasen as demandas da veciñanza en defensa do patrimonio e a construción do novo modelo eléctrico anillado para Lalín, o PP declinou apoiar unha transacción que contemplaba a derrogación do decreto que autoriza a obra de Fenosa até se avaliar "a posibilidade de soterramento", como sinalou Adán. 

Aliás, o grupo parlamentar do Bloque demandou o inicio do proceso de incoamento para a catalogación deste espazo natural como de interese local. Por súa parte, o deputado popular, Román Rodríguez, amosouse disposto a solicitar que se freen as obras até se avaliaren alternativas que "minimicen o impacto" da actividade sobre o territorio. Iso si, para garantiren que "non se talen" ou "se tale o mínimo" número de árbores.

Comentarios