O PP rexeita o carácter estrutural da violencia machista: "non nos parece que mesturar tantos temas sexa bon"

En comisión parlamentar o grupo popular rexeitou abordar o carácter estrutural da violencia machista argüíndo que o tratamento de "temas tan dispares" faría "diluír" o obxecto de estudo da comisión.

Marta Rodríguez-Vispo
photo_camera Marta Rodríguez-Vispo, deputada do PP [Imaxe: Parlamento de Galiza]

Os grupos da oposición, volveron reclamar ao grupo maioritario da Cámara a análise e debate de "todas as formas de violencia" exercidas contra as mulleres. No decorrer da Comisión non permanente para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres BNG, AGE e PSdeG bateron contra o Partido Popular por "reducir" á "violencia física e sexual" unha realidade, "a do patriarcado" --indicou a deputada do Bloque, Carme Adán-- que definen como "estrutural". 

"Non nos podemos limitar á violencia física e sexual" sinalou Carme Acuña polo PSdeG-PSOE, "non ten sentido obviar nen a reforma laboral, nen a da Interrupción voluntaria do embarazo, nen a situación da vivenda, da económica, do ensino e un longo etcétera", acrecentou. Neste senso, reclamaron unha "análise estrutural" para "determinar como prever a violencia exercida contra as mulleres para que non se produza", subliñou Chelo Martínez desde AGE. 

Porén, a parlamentar do PP, Marta María Rodríguez-Vispo, rexeitou esta consideración pola considerar arredada do obxecto de estudo que motivou a creación da comisión non permanente que, dixo, visa "avaliar a aplicación da LO 1/2004 e da Lei 1/2007".

Para a popular o debate arredor da reforma da lei do aborto, a fenda salarial existente entre mulleres e homes ou a "violencia promovida pola publicidade" ou "os medios de comunicación", como sinalaron desde a oposición, suporía, segundo Rodríguez-Vispo, "mesturar temas tan diferentes" que "non sería bon". 

"Cren que as asociacións que se deixan a pel na batalla contra a violencia de xénero lles gustaría que mesturemos todos os temas e falemos de todo e non falemos de nada?"

"Cren que as asociacións que se deixan a pel na batalla contra a violencia de xénero", se preguntou Marta Rodríguez-Vispo, "lles gustaría que mesturemos todos os temas e falemos de todo e non falemos de nada".

Mais o certo é que os colectivos e organizacións feministas demandan o deseño de políticas estruturais para a prevención e eliminación de todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres que pasan por un tratamento integral e transveral de todas as facianas do machismo. Embora desde o PP aseguran que a violencia de xénero "non se debe diluír noutros temas" e emprazou ás forzas da oposición a continuar "as liñas de traballo" que rexen a comisión. 

As declaracións da deputada do PP causaron asombro entre as representantes do BNG, AGE e PSdeG que mesmo foron silenciadas pola presidenta da comisión, a tamén popular Cristina Isabel Romero pois, insistiron, "as reformas políticas" son tamén "unha forma de violencia institucional contra as mulleres". 

Comentarios