A Xunta accede a abrir os comedores escolares en verán se así o demandaren os concellos

Aproba unha proposta presentada polo grupo parlamentar de AGE que insta a Xunta a evitar que as crianzas carezan de alimentación ou sustento. 

Román Rodríguez
photo_camera Román Rodríguez

O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade instar o goberno galego a "levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estaren as súas familias en situación de vulnerabilidade". Fíxoo a instancias dunha proposición presentada por Alternativa Galega de Esquerda e visa paliar os casos de desnutrición infantil que están a denunciar @s profesionais do ensino. 

Neste senso, o grupo maioritario da Cámara accedeu após un intenso debate a apoiar a iniciativa introducindo unha emenda ao texto orixinal. O deputado Ramón Vázquez defendía a abertura dos comedores escolares en período estival para o seu uso por parte das familias con menos recursos cuxas crianzas recibirían alimento. 

Román Sánches (PP) afirmou que abrir os comedores escolares daría "excesiva visibilidade" á pobreza infantil

No entanto, o portavoz do grupo popular, Román Sánchez, rexeitou inicialmente a proposta ao considerar que tal feito daría "excesiva visibilidade" á desnutrición infantil, o que coidou un "risco" que podería devir en casos de "discriminación" entre o alumnado. En troca, propuxo que fosen os servizos "asistenciais" e "sociais" quen se fixer responsábeis d@s cada vez máis alumn@s que acoden aos centros educativos "sen almorzar", denunciou o deputado de AGE, Ramón Vázquez.

Finalmente, o Partido Popular apoiou a proposta --defendida por todas as forzas da oposición-- se ben, emendou a inicial para que sexa a través da sinatura de convenios cos concellos que así o solicitar, a posibilidade de abertura dos comedores. 

Texto íntegro aprobado polo Parlamento:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estaren as súas familias en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos, en colaboración cos servizos públicos de benestar». 

Comentarios