O PP rexeita as 1.200 emendas da oposición e aproba os Orzamentos en solitario

As contas da Xunta para 2014 ficaron aprobadas polo Parlamento. O Partido Popular sacou adiante, en solitario, uns orzamentos que non incorporan ningunha das máis de mil propostas achegadas polos grupos da oposición. BNG, AGE e PSdeG denunciaron o carácter anti-social da lei e a falta de diálogo do partido que apoia o goberno.

Galiza xa conta, desde a terza feira, con Lei de Orzamentos para o vindeiro exercicio. O Parlamento aprobou o proxecto de lei presentado polo executivo de Alberto Núñez Feijóo. E é que nen unha das 1.200 emendas presentadas polas forzas da oposición foron aceptadas polo partido maioritario. Así é que as contas públicas foron feitas unicamente polo Partido Popular. 

"A ditaruda da maioría"

Nen as chamadas ao entendemento por parte da oposición --que coincidiu na necesidade de aplicárense outras políticas económicas para reverter as consecuencias sociais da crise-- nen a unilateralidade que supón non contar co apoio de ningún outro grupo, fixo mudar a actitude do PP. Unha actitude que en verbas do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera consiste en "negar na práctica a función do Parlamento" e impor "a ditadura da maioría". 

"Nen teñen capacidade de diálogo nen a máis mínima autonómía como grupo parlamentar", espetou o do BNG, face uns orzamentos que, dixo, "están feitos a medida do Goberno" e continúan "polo camiño do austericidio", acrecentou Xabier Ron en nome da Alternativa Galega de Esquerda. Desde a coligación electoral rexeitaron tamén unhas contas públicas que aplican "as receitas da Troika" e renuncian, mesmo, "á marxe legal para aumentar o teito de gasto". 

O PP ve nas reformas a adaptación da economía ao contexto actual

As tres forzas da oposición criticaron con dureza os recortes que a Xunta de Galiza aplica nas principais partidas sociais no que o deputado de AGE consideru unha "grúa de demolición" do Partido Popular contra "o edificio social". 

Neste senso, o portavoz parlamentar do PSdeG-PSOE, Méndez Romeu indicou que o resultado desta redución do investimento nos servizos públicos é a responsábel do "incremento da desigualdade social", a "depauperación da clase media", unha cifra de desemprego "fóra de control" e cada vez un maior número de persoas en "exclusión". 

"Aproban un orzamento que non é nen o único posíbel, nen o que precisa o país", afirmou o lider parlamentar d@s socialistas. 

Porén desde o Partido Popular defenderon as contas públicas como as "acaídas para saír da crise", indicou Pedro Puy, nun momento en que, dixo, "non é bo confundir as causas cos efectos" pois, segundo o portavoz popular, a economía galega --mais tamén española-- atópase "nesta situación" por non se ter "adaptado ao novo contexto" internacional polo que gabou que a Xunta de Galiza continúe polo vieiro "reformista". 

Comentarios