O PP retoma a tramitación do recorte de escanos no Parlamento

Na ponencia que tivo lugar esta sexta feira o grupo do BNG abandonou a sesión acusando o PP de querer facer un "pucheirazo" electoral. Pola súa banda, AGE non asistiu á xuntanza.

Parlamento
photo_camera Parlamento

PP e PSdeG-PSOE ficaron sós esta sexta feira na ponencia que tramitará a reforma da lei electoral e coa que o grupo maioritario na Cámara pretende recortar o número de escanos no Pazo do Hórreo. Para alén da ausencia do grupo parlamentar de AGE, que rexeitou "tomar parte dunha fraude á cidadanía", @s deputad@s do BNG abandonaron a sesión acusando o PP de querer facer un "pucheirazo electoral" pasando de 75 a 61 cadeiras. 

O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, asegurou en declaracións aos medios de comunicación que o PP quer "empregar a súa maioría" para "impór unha reforma á medida dos seus intereses". E é que tanto BNG como AGE aseguran estar cert@s de que as intencións d@s populares é conseguir "un Parlamento menos representativo e menos plural empregando como "coartada" o argumento do aforro, subliñou Francisco Jorquera. 

O BNG abandonou a ponencia porque, din, o PP está a preparar "un pucheirazo electoral"

Pola súa banda, a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, sinalou que o PP prepara un "golpe de Estado figurado" para garantirse "unha maioría" que, dixo, "non ten nas rúas". Cumpre lembrar que os resultados eleitorais deitados polos comicios europeos situan os apoios do PP en Galiza nos mínimos históricos e que a redución de até 14 escanos permitiría a configuración de amplas maiorías con menos votos. 

Así as cousas desde o Partido Popular afirmaron que a súa proposta é "exquisitamente neutral" e non atende a intereses partidistas, sinalou o seu portavoz no Pazo do Hórreo, Pedro Puy. Aliás, asegurou que o número de deputad@s a recortar "non é inamobíbel" ao tempo que acusou ás forzas da oposición de non achegar "algunha alternativa". 

AGE non asistiu á xuntanza argüíndo que non participa "nunha fraude á cidadanía"

O PP oponse a aforrar prohibindo o envío de propaganda e papeletas ás casas 

Mais o certo é que si. Desde as bancadas do BNG @s nacionalistas propuxeron acometer o aforro através da supresión do mailing. “Prohibir o reparto de papeletas polas candidaturas e envío de papeletas e propaganda electoral por correo”, suporía dixo Jorquera, un “aforro moi superior á redución de escanos e melloraría a calidade da democracia dificultando calquera tentativa de coartar aos cidadáns á hora de emitir o seu voto", acrecentou.

O PSdeG mantense entrementres exista, din, "unha mínima oportunidade de diálogo"

Mais desde o Partido Popular rexeitan manter o número de cadeiras embora amosarse dispost@s a negociar cantas, pois entenden que "é o mellor momento para facer un esforzo de redución dadas as circunstacias que acompañan o conxunto da sociedade e das administracións". 

A única formación que se mantivo na ponencia foi o PSdeG que declinou abandonar a sala afirmando que non sairán dos "órgaos parlamentares" entrementres exista "unha mínima oportunidade, non de acordo, senón de diálogo". José Luís Méndez Romeu descartou que PSdeG e PP poidan acadar un pacto a respeito do "groso da reforma" mais amosouse disposto a negociar a "incompatibilidade máxima" que a norma rexerá para @s parlamentares. Como tamén se regulará a obriga de declarar publicamente o patrimonio d@s deputad@s. 

Comentarios