ENCONTRO CON RAJOY

Iglesias critica o PP na Moncloa por "ter sido unha fábrica de independentistas"

Pablo Iglesias defende cinco propostas para "un novo pacto" e presenta Podemos como "a única forza" con capacidade para "garantir" que "a maioría dos cataláns" queiran "ficar en España". 

Rajoy e Iglesias en Moncloa
photo_camera [Imaxe Moncloa]

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, reuniuse esta sexta feira co presidente do goberno español, Mariano Rajoy. O encontro fai parte da rolda de contactos que encetou o mandatario arredor do proceso independentista catalán e o que levou a conversar tamén con Pedro Sánchez (PSOE), Albert Rivera (Ciudadanos) e en días posteriores con UPyD e Izquierda Unida. 

Neste senso, mentres Ciudadanos transmitiu sintonía coa "defensa da unidade de España" fronte ao proxecto de independencia de Catalunya, o líder de Podemos asegurou en comparecencia de imprensa que non están "de acordo en case nada" el e Rajoy. 

Durante a xuntanza, que se prolongou máis dunha hora, Iglesias trasladou ao presidente español as "cinco propostas" arredor das que se estrutura o programa electoral de Podemos ás eleccións do 20 de decembro e que pasan, entre outras cuestións por "reconstruír un proxecto" para o Estado español que "recoñeza" a súa "diversidade" e "plurinacionalidade", sinalou. 

Asegurou que de gañar Podemos as eleccións o 20 de decembro, "a maioría dos cataláns" quererán ficar dentro do Estado, "con outro recoñecemento"

Un "novo pacto", así o vendeu, fronte a posicións "búnker" e o "inmobilismo" que atribúe non só ao Partido Popular e o PSOE senón tamén a Ciudadanos. Aí, dixo, radica a fortaleza do Estado español en ser, afirmou, "un país de países". 

Podemos propón "un novo acordo constitucional" que respecte a vontade da "cidadanía" e recoñeza o "dereito a decidir de Catalunya". Porén, na folla de rota que defende a formación de Pablo Iglesias este feito desenvolveríase "de maneira simultánea" no Estado español e o Principat. Isto é, propón a convocatoria de senllos referendos a respeito da reforma da Constitución e do encadre "xurídico" de Catalunya. 

Ora ben, asegurou que de gañar Podemos as eleccións o 20 de decembro, "a maioría dos cataláns" quererán ficar dentro do Estado, "con outro recoñecemento". Unha liña argumental que non é nova. 

Iglesias a Carme Forcadell: "Pode facerse os selfies que queira e declarar cinco veces a independencia porque non vai rachar nada"

Iglesias presenta o seu partido como "a única forza" capaz de manter a unidade territorial do estado e acusa o PP de "por desgraza" ser "responsábel da posibilidade de que España rache" por ter sido neste tempo "unha fábrica de independentistas". Mais tamén tivo tempo para se dirixir ás forzas independentistas catalás. A ambos os dous "bloques", o unionista e o independentista acusounos de estar a facer "teatro" no marco da "campaña electoral", quer polo rexeitamento do dereito a decidir, quer polo camiño iniciado cara a unha declaración de independencia no Parlament de Catalunya. 

Á súa presidenta, Carme Forcadell, dixiuse para lle dicir que "non pode rachar un xarrón chinés quen non ten competencia para iso", e acrecentou, "pode facerse os selfies que queira e declarar cinco veces a independencia porque non vai rachar nada". Nun ton máis elevado que noutros momentos da comparecencia Iglesias situou no cadro de xogo a súa formación, embora de maneira ambigua nas declaracións, "non estamos con que o Parlamento de ningunha Comunidade Autónoma declare a independencia". 

Comentarios