O PP queda illado coa súa proposta de que goberne a lista máis votada

A estratexia de Feixoo fracasa ao ser desautorizada por Díaz Ayuso.
URNA_EUROACTIV
photo_camera PSdeG e BNG critican unha proposta aplaudida por Alfonso Rueda. (Foto: Nós Diario)

A iniciativa exposta polo líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, de reformar a lei electoral para favorecer que goberne a lista máis votada nas eleccións non atopou predicamento na Galiza agás nas voces da súa propia formación política. O rexeitamento por parte da oposición foi unánime, máxime cando non aplica esa idea en concellos como Ourense, onde a forza máis votada foi o PSdeG.

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Feixoo "non lle dan as contas" e "ten un problema coa democracia" ao volver propor que goberne a lista máis votada. A líder da oposición lembrou que esta é unha proposta "moi vella" que leva escoitando uns "30 anos" e achacouno agora a que o popular "cre que non lle vai a ir ben nas municipais e quere cambiar as regras de xogo".

Desde o PSdeG, Luís Álvarez  opina que o presidente do PP "non está en condicións de dar leccións nin de facer propostas de rexeneración democrática". O portavoz socialista destacou onte que "hai que lembrarlle a Feixoo que a lista máis votada nas últimas xerais foi a do PSOE". Así, apuntou que "o que debería de facer Feixoo é deixalo gobernar".

Raxoi, Rueda e Ayuso

En defensa da iniciativa falou tamén o ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, sinalando que "é unha excelente proposta". Para o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "o máis lóxico" é que goberne a lista máis votada.

Pola contra, a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, dixo que non ve mal "que gobernen as listas que non gañaron as eleccións". Se hai máis escanos "a un lado que ao outro, non o vexo mal", dixo a madrileña.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios