PP e PSOE votan en contra de mellorar as augas das rías galegas

Populares e socialistas votan en contra dun "gran pacto pola sustentabilidade, a calidade das augas, a produtividade e o futuro das nosas rías" que propuña o BNG.

Pleno da Cámara galega. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Pleno da Cámara galega (Foto: Parlamento da Galiza)

Un "gran pacto pola sustentabilidade, a calidade das augas, a produtividade e o futuro das nosas rías", propuxo no hemiciclo galego o deputado do BNG Luís Bará, no marco do debate dunha moción da formación nacionalista para protexer as rías e instar o Goberno galego a “reclamar as transferencias” para xestionar desde a Galiza os ríos, as rías o mar e a costa. 

Bará urxiu a revisar a xestión da auga "cambiando as prioridades" e considerando "imprescindíbel apostar pola investigación e mudar a relación co medio, sobre todo cos ecosistemas ultrasensíbeis" como ríos, zonas húmidas ou xunqueiras.

Temos que frear os recheos na ría de Vigo, devolver os terreos de dominio público ao público, botar Ence da ría de Pontevedra  e deixar de entender o mar como un vertedoiro", dixo.

Nesa liña, propuxo elaborar un plan integral de rexeneración e aproveitamento dos recursos naturais, produtivos e sociais das rías e asegurar a protección e mellora das marismas, zonas húmidas e concas fluviais. Todas estas propostas foron rexeitadas polo PP e PSdeG.

Sector eólico

Tamén o BNG pediu “cambio de rumbo” no sector eólico "pondo no centro o interese público, as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica" a Galiza.

A nacionalista Noa Presas lembrou que o concello de Muras é “un claro exemplo de como a enerxía eólica reverte en beneficio da veciñanza, que ve abaratado o prezo do recibo da luz” por decisión do seu Goberno municipal.

Tras a intervención da deputada popular Marta Nóvoa, que xustificou o proxecto eólico da Serra do Oribio afirmando que a sentenza  do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza -que deixou sen efecto o proxecto- aínda pode ser recorrida, a deputada nacionalista pediu “que non a recorran porque xa bastante dano está feito”.

Comentarios