PP e PSOE tomban en Vigo a proposta para retirar o busto de Juan Carlos I

A moción fora presentada polo BNG e contou co apoio de Marea de Vigo.
A actual Praza do Rei de Vigo edificio do concello á dereita.
photo_camera A actual Praza do Rei de Vigo edificio do concello á dereita.

Os votos contrarios dos grupos de PP e PSOE no Pleno do Concello de Vigo impediron que prosperase a moción presentada polo BNG para retirar o busto de Juan Carlos I da entrada do consistorio olívico e para mudar o nome da  Praza  do Rei.

A moción foi defendida polo concelleiro nacionalista, Xabier Pérez  Igrexas, quen instou o Goberno municipal a retirar ese busto como un "acto simbólico", tras as noticias que vinculan ao rei emérito español con prácticas supostamente corruptas. Así mesmo, pediu que se inicien os trámites para modificar o nome da praza situada perante o Concello, a Praza do Rei.

Pérez  Igrexas subliñou que a actual fórmula de xefatura do Estado en España é "anacrónica", ao se tratar dun sistema asumido "por sangue" e ao que, ademais, "parece que se lle engade o privilexio da impunidade".

O grupo municipal Marea de Vigo, que tamén pediu no seu día a retirada do busto e a modificación do nome da praza, apoiou a iniciativa, e lamentou algunhas das actuacións do goberno local en materia de memoria histórica, como a negativa para colocar unha placa explicativa no museo Marco (antigo palacio de xustiza e prisión).

Así mesmo, a concelleira  Oriana Méndez criticou que Concello e Deputación de Pontevedra colaborasen na instalación dunha imaxe do 'Sacro Corazón' nunha ermida da cidade, unha imaxe "relacionada con grupos de extrema dereita e  ultracatólicos".

Comentarios