PP e PSOE rexeitan que o Parlamento investigue a traxedia de Angrois

Ambas as dúas formacións fan piña, na xunta de portavoces do Parlamento galego, para impedir a apertura dunha comisión de investigación sobre as causas e responsabilidades do sinistro. O BNG asegura que PP e PSdeG teñen "responsabilidades compartidas" nun trazado ferroviario cuxo deseño prexudica a Galiza, denunciou Jorquera. Beiras, en troca, non ve responsabilidades no PSdeG.

Pedro Puy e Abel Losada
photo_camera Pedro Puy e Abel Losada

PP e PSOE volveron situarse no mesmo bando. Esta terza feira realizouse unha xunta de portavoces na cámara, para ordenar o pleno da vindeira semana. Nela os dous grupos maioritarios da Cámara aliáronse para rexeitaren a constitución dunha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois, proposta conxuntamente por BNG e AGE.

Se ben desde o PSdeG aseguran que o seu rexeitamento se asenta na focaxe da comisión --que entenden só debe destinarse ao "estudo" dos acontecementos-- o portavoz parlamentar d@s socialistas tildou de "precipitada" a proposta e declinou avanzar a postura que defenderán no vindeiro pleno, en que se debaterá e votará a proposta.

Pola súa banda, Pedro Puy advertiu que o seu grupo votará en contra ao entenderen que "non é conveniente", co argumento de que a traxedia xa está a ser investigada nos xulgados.

BNG bate contra un deseño ferroviario responsabilidade de PP e PSOE

Para o portavoz parlamentar do Bloque, "Galiza é vítima dun deseño das infraestruturas ferroviarias do que son co-responsábeis o PP e o PSOE", de aí que, acrecentou, "non hai interese en esclarecer a verdade do que aconteceu".

Neste sentido, cumpre lembrar que a decisión de manter a curva de A Grandeira -un trazado dos anos 40 do pasado século- na liña Santiago-Ourense a tomou un ministro do PP (Álvarez Cascos), mentres que un ministro do PSOE (José Blanco) é o responsábel de que non se dotase co sistema de seguranza ERTMS o tramo en que se produciu o sinistro.

O Parlamento, sinalou Jorquera, "non pode ser un mero espectador" e, continuou o nacionalista, existe "unha demanda social e cidadá" que exixe depurar as responsabilidades dun accidente que deixou 79 falecid@s. A Cámara, considerou o voceiro do Bloque "ten a obriga ética e política de satisfacer esa demanda".

AGE non ve responsabilidades no PSdeG e pídelles que recapaciten

Por súa parte, Xosé Manuel Beiras, dixo "comprender" os argumentos expresados polo voceiro do PSOE a cuxo grupo Beiras non atribúe responsabilidades. "O PSdeG non está implicado", sinalou ao tempo que dixo agardar unha rectificación d@s socialistas para que finalmente apoien a iniciativa que será sometida a votación a vindeira semana.

No entanto, Beiras cargou contra o Partido Popular a quen si atribuiu responsabilidades no sinistro e cuxas políticas, di, "mataron a 80 persoas".

Comentarios