PP e PSOE posiciónanse no Parlamento galego contra o dereito a que O Bierzo decida

O BNG defendeu no Parlamento galego a reivindicación de colectivos desta comarca de ser considerados provincia e reforzar ligazóns con Galiza. Populares e socialistas avanzaron o seu rexeitamento á iniciativa que será votada na sesión do hoxe.

Pleno no Parlamento de Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)
photo_camera Pleno no Parlamento de Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)

O BNG defendeu esta terza feira no Parlamento galego unha proposición non de lei pola que se daba voz na Cámara galega á iniciativa de Coalición polo Bierzo para pedir o recoñecemento do dereito do Bierzo a recibir a consideración administrativa de provincia, na que os veciños poidan decidir o seu encaixe territorial a través dunha consulta popular.

A proposición foi defendida pola deputada nacionalista María González Albert e pide tamén que, no caso de que a vontade libre da sociedade do Bierzo opte por incorporarse á Galiza, o Goberno galego adopte as medidas legais necesarias, sempre de acordo coa Junta de Castela e León e nas canles regradas establecidas no Congreso, co fin de verificar no plano institucional esa aspiración.

A parlamentaria lembrou que, con motivo da celebración este ano dos 200 anos da creación e posterior perdida da "Provincia do 'Vierzo' e o trixésimo aniversario do Consello Comarcal do Bierzo, o partido de Coalición polo Bierzo empezou unha campaña para abrir un debate sobre a identidade desta zona e o seu encaixe no Estado español.

"En resumo, trátase de recoñecer que o Bierzo existe e que o que ten que dicir se escoite tamén no noso país"

"Un debate máis vivo que nunca" que, segundo indicou, maniféstase en tres alternativas: "A posibilidade de crear unha provincia dentro de Castela e León, unha nova comunidade autónoma de León que incluíse ao Bierzo ou a inclusión dunha provincia do Bierzo dentro de Galiza", sinalou para asegurar que o obxectivo desta iniciativa é que Galiza "non fique allea" ao debate que se dá na "comarca veciña".

A iniciativa avoga tamén por abrir un diálogo coa Junta de Castela e León e o Consello Comarcal do Bierzo para establecer pautas de colaboración institucional en ámbitos diversos e de interese recíproco, así como para formalizar unha foro estábel e permanente de coordinación e diálogo sobre asuntos que afecten ao Bierzo, Valdeorras e franxa oriental de Lugo, ao amparo do artigo 35 do Estatuto de Autonomía galego.

Tamén pide colaborar coa Junta e o Consello Comarcal do Bierzo nos actos de celebración do 200 aniversario da creación da "Provincia do ' Vierzo' ou Provincia de  Vilafranca do ' Vierzo".

"En resumo, trátase de recoñecer que o Bierzo existe e que o que ten que dicir se escoite tamén no noso país", manifestou nunha intervención na que destacou os vínculos desta zona con comarcas galegas como a de Valdeorras.

Rexeitamento

Aínda que a iniciativa debatida a última hora desta terza feira será votada na xornada de hoxe, tanto PPdeG como PSdeG avanzaron a súa postura en contra polo que previsibelmente non sairá adiante.

En primeiro lugar, o socialista Pablo  Arangüena criticou que os nacionalistas pretendan que o Parlamento galego se posicione sobre un territorio que está fóra de Galiza "por moitos vínculos que poidan existir"."Non será que sen dicilo queren sentar un precedente para recoñecer o dereito para decidir?", preguntou o socialista.

Ademais, afirmou que crear unha provincia para sumar o territorio a Galiza supoñería "quitarllo a León". "Os enfrontamentos políticos que poderían xerar todo tipo de conflitos, desorde e caos”. Pola súa banda, o parlamentar do PPdeG Alberto Pazos criticou que "no medio dunha pandemia" a "prioridade" para o BNG "sexa debater a creación dunha nova provincia en Castela e León". "Paréceme unha frivolidade", apuntou.

A parlamentar do Bloque asegurou sentir "vergoña" das intervencións realizadas por ambos os parlamentarios e afeou ao PP que para eles "os dereitos sempre sexan  extemporáneos". "Para nós non", afirmou.

 

 

Comentarios