PP e PSOE desoen a veciñanza de Vigo e aproban os orzamentos

O pleno decorreu entre berros de 'vivan os noivos!' no interior do Concello e apelos á corrupción na rúa. O BNG e colectivos sociais da cidade rexeitan o acordo entre as dúas forzas por, din, "non defender intereses sociais". 

VIGO
photo_camera [Imaxes Adrián Bravo]

O primeiro pacto asinado entre PP e PSOE materializouse esta sexta feira (2 de maio) na cidade de Vigo. Ambas as dúas forzas políticas --co rexeitamento do grupo municipal do BNG-- aprobaron os orzamentos para 2014 nunha sesión plenaria marcada polos protestos da veciñanza no interior do salón de plenos e máis na rúa. 

As contas para este ano foron finalmente aprobadas en Vigo após un acordo entre PP e PSOE. Colectivos sociais da cidade olívica como a Asociación Veciññal de Teis ou a Oficina de Dereitos Sociais de Coia concentráronse ás portas da casa consistorial para denunciaren que "o pacto da corrupción, non é a solución" aos problemas de Vigo, berraron fronte o concello. 

O BNG rexeita os orzamentos e acusa a PP e PSOE de asinaren "o pacto dos recortes"

Pola súa banda, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego amosouse contrario ás contas públicas para 2014 rexeitando co seu voto os orzamentos presentados por PP e PSOE. Desde a organización frontista denuncian que o acordo asinado supón "un desastre" para @s vigues@s e deixa a cidade "en mans dos que nos levaron á crise". 

O BNG votou en contra dos orzamentos por suprimiren o plan social contra a crise, reducir os fondos para a creación de emprego e subvencionar liñas aéreas

Para @s representantes do Bloque en Vigo, a desaparición do plan social contra a crise, a redución dos fondos destinados á creación de emprego, a supresión e privatización de organismos autónomos municipais ou o investimento de fondos públicos para as liñas aéreas que operan en Peinador converten os Orzamentos de 2014 nun "pacto a favor dos recortes e contra as maiorías sociais de Vigo". 

Neste senso, exemplifican nas vivendas Rosalía --un edificio de titularidade municipal-- o "carácter antisocial" das contas, pois o Concello de Vigo venderá este edificio para financiar a construción da Cidade da Xustiza en troca de o converter en vivendas sociais para aquelas familias viguesas que precisen unha morada.

Porén, desde as bancadas do PP e PSOE aseguran que as contas aprobadas son "as máis sociais",  polo que "é difícil que alguén deixe de os aprobar", sinalou a tenente de alcalde Carmela Silva (PSOE) ao tempo que arremeteu contra o grupo do BNG ao que acusou de seguir as ordes "dos seus xefes" para votar en contra dos orzamentos. 

Colectivos sociais contra o pacto

No entanto, non só a organización frontista rexeita estas contas. Colectivos sociais da cidade como a Asociación Veciñal de Teis ou a Oficina de Dereitos Sociais de Coia concentrábanse ás portas do concello para amosaren o seu desacordo co reparto orzamentario acordado por PP e PSOE. 

Un pacto que deixa os movementos sociais da cidade fóra da xestión, entre outros, do Centro Cívico de Teis. Lugar que nos últimos 12 anos foi xerido polos propios colectivos e que contaba cun amplo abano de actividades culturais. Após a aprobación dos orzamentos, a súa xestión será cedida a unha empresa privada. 

Comentarios