PP e PSOE consuman o seu pacto en Vigo

Os dous grupos parlamentares aprobaron os orzamentos entre os apupos da veciñanza de Teis e o rexeitamento do BNG.

PP e PSOE aprobaron esta sexta feira (13 de xuño) os orzamentos de Vigo, co rexeitamento do grupo municipal do BNG. As dúas organizacións consumaron así o pacto alcanzado e que tivo tamén a súa réplica en Lugo. 

Ambas as dúas forzas políticas aseguraron que estes son "os orzamentos máis sociais da historia de Vigo", unha afirmación de Abel Caballero que desde o BNG rexeitan. "Reduciron 1,2 millóns as axudas directas" e "700.000 euros nos convenios para emprego", apuntou a portavoz do Bloque, Iolanda Veloso. Para @s nacionalistas este pacto entre PP e PSOE é "vergoñento" e "eleitoralista". 

Ás criticas do BNG sumáronse tamén os apupos entre o público que asisitiu ao pleno, na súa maioría veciñanza do barrio de Teis á que o acordo entre PP e PSOE deixará sen centro social. Os orzamentos aprobados suprimen a axuda que recibían para xestionar o espazo que a partir de agora pasará a mans dunha empresa privada. 

As asistentes interromperon a sesión plenario, que tivo que ser paralizada pouco despois de comezar, ao berro de "Caballero mentireiro, Figueroa trapalleiro", denunciando que o alcalde e o portavoz municipal do PP se puxesen de acordo para os botar do centro cívico.

Comentarios