Vetan o debate

PP, PSOE e Ciudadanos impiden a investigación sobre o accidente de Angrois

A comisión de investigación sobre o accidente ferroviario que tivo lugar en Angrois o 24 de xullo de 2013 segue a ser unha entelequia. Desta vez, PP, PSOE e Ciudadanos impediron na Mesa do Congreso que a Xunta de Portavoces poida poñer data ao debate plenario dunha comisión que investigue os feitos.

Accidente ferroviario Angrois

Máis unha vez PP e PSOE vetan o debate arredor dunha comisión de investigación sobre o sinistro do Alvia que deixou 81 persoas mortas e máis de 140 feridas en Angrois. Desta vez, sumouse ao “non” Ciudadanos. Na Mesa do Congreso as tres forzas políticas aliáronse para impedira que a Xunta de Portavoces poida poñer data ao citado debate.

Unidos Podemos critica a alianza destes tres partidos para bloquear o inicio da tramitación da proposta de En Marea e advirte de que o Pleno xa rexeitara abrir a investigación sobre o accidente na lexislatura anterior. E é que entre o 2014 e o 2015 o BNG intentou en numerosas ocasións que o Congreso debatera sobre a necesidade de crear unha comisión de investigación que botara luz sobre o sinistro ferroviario.

As repetidas propostas do BNG, da man de Olaia Fernández e Rosana Pérez, foron tombadas de maneira sucesiva polo PP, que contaba con maioría absoluta. Así, a Mesa do Congreso dáballe trámite á iniciativa, que finalmente era bloqueada pola Xunta de Portavoces.

O 28 de abril de 2016, a iniciativa de En Marea, o Pleno debateu a creación da comisión, mais foi rexeitada cos votos de PP e PSOE. Porén, aínda que for aprobada, a investigación nunca tería lugar, xa que as Cortes se disolveron uns días após pola convocatoria de novas eleccións.

Parlamento galego

O “non” de PP e PSOE á creación dunha comisión de investigación que aclare o acontecido co Alvia en Angrois o 24 de xullo de 2013 repetiuse en numerosas ocasións no Parlamento de Galiza, onde o BNG e AGE reclamaron nos últimos anos botar luz sobre o sinistro para depurar responsabilidades políticas.

Até en seis ocasións o PP e o PSOE, que dirixían os gobernos responsábeis da seguridade na liña ferroviaria onde tivo lugar o accidente, negaron a comisión reclamada tamén polas familias das vítimas.

Un cambio na normativa parlamentar galega puña en mans do PSdeG a decisión, que optou por impedir a comisión

A última vez foi en febreiro de 2017, cando xa se coñecía o informe elaborado pola Axencia de Seguridade Viaria da UE a instancias das peticións da representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e que sinala que a comisión creada polo Ministerio de Fomento só se centra no "erro humano" e que obvia "elementos chave" que derivaron no accidente, e cando Bruxelas xa amparara as vítimas na súa demanda dunha investigación independente.

Un cambio na normativa parlamentar galega puña en mans do PSdeG a decisión. E é que agora é posíbel que se cree unha comisión de investigación sen a necesidade de que a avale a maioría absoluta do PP. A oposición promoveu unha votación secreta, en urna, tratando de buscar complicidades que, finalmente, non se produciron. Só eran necesarios 30 votos a favor da oposición, mais os parlamentares do PSOE optaron pola abstención.

Comentarios