PP e PSOE aproban a reforma do Código Penal sobre "terrorismo"

O acordo pasará ao Senado sen máis apoios que os dos partidos impulsores.

BNG_Congreso
photo_camera [Imaxe BNG]

O Congreso español aprobou esta quinta feira (19 de febreiro) o 'pacto antijihadista' promovido por PP e PSOE. A medida inclúese na reforma do Código Penal en materia de "terrorismo". 

A medida non sumou o apoio de máis grupos parlamentares que os dos seus promotores que abranguen tamén a Foro Asturias, UPN e Coalición Canaria, tamén asinantes da proposición de lei. Agora dirixirase ao Senado. 

As demais forzas políticas, agás CiU e UPyD que se abstiveron, votaron en contra dunha reforma que inclúe de maneira implícita e prisión permanente revisábel. A proposta deseñada por PP e PSOE foi modificada sucintamente nos últimos días para suavizar algúns dos aspectos máis controvertidos da medida como a consideración das "desordes públicas" como "terrorismo". 

Aliás, engadíron aos delitos terroristas de "captación, adoutrinamento e adestramento" os de trata de mulleres con finalidade de explotación sexual e matrimonio obrigado. 

A deputada do BNG na Cámara galega, Olaia Fernández Davila amosou o rexeitamento da súa formación política e exixiu a retirada da prisión permanente revisábel que "na práctica", denunciou, "é unha cadea perpetua". “Pedimos unha definición obxectiva e concreta de delito de terrorismo, alonxada de ambigüedades que permitan a súa aplicación punitiva indiscriminada segundo a política que desexe exercer o poder executivo de turno”, afirmou Davila. 

Comentarios