PP e PSdeG impiden parar o "pelotazo" en Labañou

PP e PSdeG tomban no Parlamento a proposta do BNG para frear de forma express o proxecto de "pelotazo urbanístico" do Plan especial de Labañou (A Coruña), coñecido como As Percebeiras. 

A parlamentaria do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario)
photo_camera A parlamentaria do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario)

Populares e socialistas tombaron no Parlamento a proposta do BNG para frear de forma inmediata o Plan especial de Labañou (A Coruña) -coñecido como As Percebeiras-. Para paralizalo, o Bloque pediu á Xunta someter o plan ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, e non pola vía simplificada como está previsto, obrigando así a avaliar un plan que vai ter un impacto urbanístico "terríbel”. Así o defendeu a deputada nacionalista Alexandra Fernández.

A deputada criticou con dureza a posición das outras dúas forzas da Cámara galega ao acelerar a tramitación dun plan que, segundo recalcou, “corresponde á peor cultura do pelotazo urbanístico”.

“Pedimos que o Goberno galego faga valer o seu papel de velar polas garantías ambientais desta actuación”, subliñou logo de advertir que “non se pode permitir que a intervención se faga a golpe de presións dunha empresa promotora”.

“É un auténtico escándalo que en 2017 se presentara un proxecto substancialmente igual que o que se presenta agora e naquel momento a Xunta non dese o visto bo e, tres anos despois, decida despachalo misteriosamente pola vía exprés”, reprochou. 

A continuación cuestionou os motivos do Executivo galego á hora de “dar unha patada” ás alegacións que presentaron 46 colectivos da cidade solicitando que se faga un estudo completo do impacto do plan.

Alexandra Fernández recriminou ao Goberno de Feixóo que se “volvese cego” ante o impacto ambiental, paisaxístico e urbano do proxecto, ante as demandas e necesidades da veciñanza e, “o máis grave”, ante o incumprimento no plan da principal lexislación galega en materia de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe.

Neste sentido, advertiu que se incumpren claramente os prazos marcados polo PXOM, dado que tras sete anos dende a súa aprobación, o desenvolvemento urbanístico proposto nas Percebeiras “atópase fóra do prazo máximo establecido”

Comentarios