ELECCIóNS MUNICIPAIS

O PP presenta as persoas que encabezarán as súas candidaturas nas cidades

Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense experimentan cambios a respeito das eleccións de 2011.

Alfonso Rueda
photo_camera Alfonso Rueda [Imaxes PPdeG]

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, confirmou esta segunda feira (2 de febreiro) os nomes das persoas que encabezarán as candidaturas da formación nas 7 cidades galegas. 

Neste senso, Agustín Hernández (Compostela), Elena Muñoz (Vigo), Jacobo Moreira (Pontevedra) e Jesús Vázquez (Ourense) son as tres novidades a respeito das eleccións municipais de 2011. Repetirán cabeza de cartel Jaime Castiñeira (Lugo), Carlos Negreira (A Coruña) e José Manuel Rey Varela (Ferrol). 

Embora precisaren da ratificación preceptiva de Madrid, Rueda presentou as candidaturas como "garantía de estabilidade" e "alternativa" fronte "aos que son valentes para convocar manifestacións mais non para presentarse ás eleccións", sinalou en clara alusión a Podemos. 

O secretario xeral do PPdeG asegurou que a súa formación sairá "a gañar e non a esperar posíbeis pactos entre perdedores". 

Mudanzas no goberno da Xunta

Entre os nomes salienta a presenza de dúas persoas integradas no goberno galego, Elena Muñoz --conselleira de Facenda-- e Jesús Vázquez --conselleiro de Educación e Cultura. A súa candidatura exixirá mudanzas no executivo, algo que segundo Rueda se producirá axiña. "Non será moito tempo" o que se manteñan no goberno, sinalou Alfonso Rueda, embora "non hai data" --acrecentou-- para fixar a súa saída. 

Comentarios