O PP confirma as candidaturas locais para as sete cidades galegas co obxectivo de acadar algunha alcaldía

A lista dos sete candidatos é a seguinte: Marta Fernández-Tapias (Vigo), Miguel Lorenzo (A Coruña), Manuel Cabezas (Ourense), Elena Candia (Lugo), Borja Verea (Santiago), Rafael Domínguez (Pontevedra) e José Manuel Rei Varela (Ferrol).
O presidente do PP galego, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do PP galego, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular (PP) confirmou esta cuarta feira as sete persoas que encabezarán as listas municipais nas cidades galegas de cara aos comicios locais que decorrerán en maio de 2023, co obxectivo de obter algunha alcaldía.

Así, a lista dos sete candidatos é a seguinte: Marta Fernández-Tapias (Vigo), Miguel Lorenzo (A Coruña), Manuel Cabezas (Ourense), Elena Candia (Lugo), Borja Verea (Santiago), Rafael Domínguez (Pontevedra) e José Manuel Rei Varela (Ferrol).

En declaracións antes do inicio do Comité de Dirección do PP, Alfonso Rueda asegurou que espera "uns magníficos resultados en xeral", non só nas sete cidades, onde os populares non teñen ningún alcalde. "En todas as eleccións hai que tentar sempre mellorar o resultado anterior, e nesta ocasión eu creo que tamén", afirma. "Temos enormes posibilidades", agregou.

O presidente do PP galego agradeceu a "disposición" e "valentía" dos sete candidatos e candidatas por "este paso adiante" dez meses antes das municipais, xa que "nunca é sinxelo".

Aliás, Rueda afirmou que "se lles vai a pedir máis" que a outros candidatos, pois "non chega con gañar as eleccións", senón ter unha "maioría suficiente que permita gobernar", no que considera un "reto engadido".

Sen "localismos"

O líder dos populares galegos explicou que lles demanda que "traballen pensando nas necesidades das cidades" e que saian á rúa para "pedir a confianza" dos cidadáns, pero que "non caian en ningún caso en políticas localistas".

Alfonso Rueda apuntou que as cidades galegas "están chamadas a ser os motores sociais e económicos de toda a autonomía", polo que tiveron "moito esmero e coidado en elixir os mellores candidatos".

"A Galiza é unha cidade única tamén en moitos sentidos, por tanto, necesítase que as cidades traballen en rede e tecendo alianzas", remarcou.

Comentarios