O PP de Portas non reclamará responsabilidades ao ex alcalde Roberto Vázquez pola agresión a unha funcionaria

A corporación municipal do concello de Portas realizou o pasado maio un pleno extraordinario en que se puxeron sobre a mesa todas as condenas xudiciais como consecuencia da desprotección dunha traballadora municipal que sufriu unha brutal agresión que a deixou incapacitada no ano 2012.

IMG_0951
photo_camera Sede do concello

A través dunha petición formal por parte do BNG, o pleno debateu a posibilidade de reclamar responsabilidades ao alcalde naquel momento, Roberto Vázquez (pertencente ao Partido Popular por entón, e agora líder do segundo grupo máis votado do municipio, os independentes VUP). Finalmente, a corporación votou en contra, “a pesar das evidencias das omisións en materia de riscos laborais cometidas polo ex alcalde, con pleno coñecemento, e reflectidas até en tres sentenzas condenatorias diferentes”, apuntan dende a formación nacionalista.

“O alcalde, Víctor Estévez, sinalou durante o pleno que un rexedor non debe responder co seu patrimonio polas cousas que fai o Concello”, explica o portavoz do Bloque en Portas, Arturo Norberto. “Foi un pleno breve onde se vía que a decisión, a negativa, xa estaba tomada antes de que o BNG puidera explicar a situación. A sensación que deixa é que parece que non leron as sentenzas”.

A agrupación nacionalista, que posúe tres dos once concelleiros que forman a corporación municipal, expón que hai base legal para esixir responsabilidade civil a un membro do Goberno local cando existan casos como o acontecido en Portas. Así, o BNG lembra que as sentenzas do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra e a da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acreditan, de maneira clara, a omisión en materia riscos laborais por “inactividade ou pasividade” do alcalde.

ARTURO FONTAN-1

Ao longo dos últimos anos, o Concello tivo que responder e afrontar tres sentenzas diferentes froito da brutal agresión que sufriu unha das súas funcionarias. A primeira sería un recargo de prestacións do cincuenta por cento. Este pago, que sería de 182.000 euros, fíxose efectivo a principios de maio. A segunda sentenza xorde a raíz desta primeira, xa que o Concello opta por recorrela pero volta a perder, polo que a esa primeira cifra se lle suman as custas do xuízo. Por último, hai unha terceira sentenza que fai referencia á peculiar situación laboral da funcionaria. A vítima era unha traballadora social, pero o seu contrato estaba sometido ao convenio colectivo da construción, algo “sorprendente” segundo os nacionalistas. Este convenio indica que no caso de que un traballador sufra un accidente que conleve a discapacidade ten dereito a unha indemnización de 47.000 euros. Esta cifra aínda non foi abonada polo Concello, xa que tamén foi recorrida. En condicións normais, os cartos sairían dun seguro de convenio obrigatorio. “O certo é que con toda seguridade vaise perder o recurso, e aínda por encima o Concello carece de tal seguro, polo que os cartos sairán das arcas”, explica Norberto.

Agora, a traballadora, despois de tratar de o facer pola vía amistosa, reclama por vía xudicial a responsabilidade civil derivada do accidente de traballo, que ela e o seu representante valoran en máis de medio millón de euros. Tendo en conta que o presupostos anual de Portas é de 1,9 millóns de euros, todas estas sentenzas asfixian as contas previstas, e poderían pór contras as cordas todos os plans a desenvolver nos próximos meses. Após o abono  dos 182.000 da primeira sentenza, o alcalde Victor Estévez emitiu un comunicado en que afirmaba que “non lle queremos pedir nada a nadie. Isto é un duro golpe, pero agora debemos apertar o cinto".

A sentenza, emitida en maio de 2016, entendía de maneira clara que o consistorio non levara a cabo un protocolo de protección cunha traballadora que estaba a sofrer constantes ameazas e insultos por parte dun dos veciños aos que ela atendía, o que acabou derivando nunha brutal agresión. A sentencia tamén sinalaba as discrepancias que o ex alcalde Vázquez mantiña coa funcionaria pola maneira de realizar o seu traballado, segundo expuxeron testemuñas e demandante. 

O fallo xudicial observa o calvario que esta muller tivo que sufrir no seu posto de traballo, e como o 2 de xullo de 2012 é agredida dunha maneira desmedida por parte do pai dunha muller que ese día tiña cita coa traballadora para tramitar unha RISGA. O home golpeoulle o brazo cunha barra de ferro a entrada da casa consistorial causándolle unha fractura aberta e deixándolle consecuencias de por vida, un trastorno de estrés postraumático e a declaración de incapacidade permanente. Segundo recolle o fallo, antes deste suceso apareceran pintadas que non foron denunciadas polo Concello, así como a pinchada das rodas do coche da traballadora. A xuíza que levou o caso destacou a declaración do garda civil que actuou como instrutor do atestado levantado trala agresión, no que apuntou sentirse “impresionado” ao constatar que após o sucedido, cando acudiu a interrogar ao resto de funcionarios, ninguén aportou información algunha ao non ver nin escoitar nada, cousa imposible pola hora e o lugar dos feitos.

A fotografía interior, da autoría de Xaquín Soliño, é do portavoz do BNG Arturo Norberto

Comentarios