O PP podería quedar só coa Deputación de Ourense

Através de pactos, o PSdeG podería encabezar os gobernos provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo. GRÁFICOS NO INTERIOR.

Deputacións 2015

Das eleccións deste 25 de maio sairán as corporacións que rexerán os gobernos provinciais os vindeiros catro anos. O desplome do Partido Popular, o maior na súa historia nunhas municipais (200 mil votos menos) e a conseguinte perda das maiorías absolutas das que gozaba en boa parte do mapa político galego, déixano como forza política máis votada mais lonxe dos resultados recollidos en 2011, tamén nas Deputacións provinciais. 

Á espera dos dados oficiais fornecidos polo Ministerio do Interior o PP ficaría só co goberno de Ourense, en mans de Baltar, e perdería --de se alcanzaren acordos-- as provincias de Pontevedra e A Coruña. Da mesma maneira, fica fóra da Deputación de Lugo que se mantería, de se chegar a acordo, en mans do PSdeG e BNG. 

Os resultados deixan o Partido Popular sen dous feudos, nomeadamente o de Rafael Louzán en Pontevedra que cae após a maioría absoluta de Abel Caballero en Vigo e a caída de edís atinxida pola candidatura de Elena Muñoz (PP).

A caída histórica dos votos ao Partido Popular, a maior da historia dunhas municipais, deixa o partido fóra de 3 dos gobernos provinciais

Segundo os pronósticos a corporación ficaría 12 PSOE, 4 BNG e 1 Marea de Vigo. 

O mesmo acontece na provincia da Coruña onde o Partido Popular perdería o goberno recuperado hai 4 anos e cedería o bastón de mando, de haber acordo, a unha nova equipa. E é que entrarían a Marea Atlántica e Compostela aberta nun abano máis plural repartido tamén entre BNG e o PSOE. 

A grella repartiría entre PP (13), PSOE (8), BNG (5), Marea Atlántica (3), Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños. 

Na provincia de Lugo o goberno da Deputación manteríase igual que as últimas dúas lexislaturas após un reparto de cadeiras idéntico ao de 2011, PP (12), PSOE (11) e BNG (2). 

O Partido Popular podería quedar, pois, cun único goberno provincial o de Ourense dirixido por José Manuel Baltar. O herdeiro do bastón que durante décadas aguantou seu pai fixo campaña electoral para recompilar apoios --embora seren eleccións indirectas-- e semella que será o único que se manteña. 

Ora ben, salienta a entrada de Democracia Ourensana que se faría con 2 deputad@s, 1 BNG, 8 PSOE e 14 para o Partido Popular. 

Comentarios