A proposta presentada pola senadora popular e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, demanda “unha programación completa de actuacións e investimentos na liña de alta velocidade Vigo-Porto na que se priorice a saída sur” de Vigo.
O PP esixe “un maior compromiso” por parte do Goberno do Estado no impulso da liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa para que a conexión de AVE entre Galiza e Portugal "sexa unha realidade canto antes".
Os populares consideran esta actuación como “prioritaria e estratéxica” e por iso urxen unha "programación completa de actuacións, investimentos e calendario”. Neste sentido, lembran os movementos ds Executivo lusos nesa dirección.
Arévalo demandou para este proxecto uns tempos de execución e investimentos “acorde tanto ao seu potencial de uso como á súa rendibilidade en termos de articulación territorial e desenvolvemento socio-económico".
“Este proxecto ten razón de ser, pero só se se afronta cunha visión ampla e integradora, cun ánimo estruturado e coordinado e respectando as prioridades manifestadas", asegurou Arévalo.
Tren Celta
A senadora popular esixiu melloras no denominado Tren Celta que une Vigo con Porto até que non se rematen as obras de conexión por alta velocidade entre a Galiza e Portugal.
A dirixente do PP manifestou que é necesaria a modernización do material móbil e as condicións de servizo do denominado Tren Celta "para facer posíbel esta viaxe nun tempo máximo dunha hora".