O PP deixa pasar a iniciativa do PSdeG a prol da transferencia de tráfico a Galiza

A proposición de lei aprobouse porque o PP, que se abstivo, optou por non vetala. Na década de goberno Feixoo Galiza non conseguiu o traspaso de ningunha competencia.

leiceaga parlamento PSdeG
photo_camera Leiceaga

O PP non bloqueou, na comisión institucional do Hórreo, a proposición de lei do PSdeG en demanda da transferencia de tráfico para Galiza. Poderíao ter feito, porque dispón de maioría absoluta. Coa súa abstención optou, porén, por a deixar pasar.

En realidade, o PP xa se abstivera no pleno no debate de toma en consideración da iniciativa. A ollos de Fernández Leiceaga, o portavoz socialista, esta actitude da formación conservadora espella a súa "falla de compromiso" á hora de alargar o autogoberno país. Na década de goberno Feixoo o país non asinou nen un só traspaso con Madrid.

Para Leiceaga a posición do PP non é entendíbel tendo en conta que as bancadas populares si aprobaron "sen reversas" unha lei idéntica en 2008, isto é, durante o goberno bipartito [coalición entre o PSdeG e o BNG].

O texto legal, que agora terá de pasar pola peneira da votación definitiva no pleno, contempla o despregamento dunha policía autonómica con competencias sobre o tráfico.

Leiceaga puxo en destaque que Catalunya e Euskadi xa teñen esta competencia e dixo que no caso vasco, con condicións orográficas semellantes ás galegas, os índices de siniestraliedade son inferiores aos rexistados no noso país.

No último exercicio, e de acordo cos últimos dado oficiais, destacou o portavoz socialista, na Galiza faleceron 104 persoas en accidente de tráfico, rexistro moi superior ás cifras de de Catalunya (85 mortes) e Euskadi (31).

Comentarios