Sondaxe de 'Electomanía': O PP perdería a absoluta e dependería de Vox para gobernar na Galiza

Por bloques, BNG e PSdeG superarían o tanto por cento de votos do PP. Ambas as formacións políticas sumarían 45,6% dos votos, por 42% do PP. As formacións progresistas superarían 50% dos votos, e ficarían a un escano da maioría absoluta. 
O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A última enquisa elaborada por Electomanía en relación ás eleccións galegas de 2024 deixa como principal conclusión que o Partido Popular (PP) perdería nestes momentos a maioría absoluta que o mantén na presidencia da Xunta.

Segundo a sondaxe, obtería 37 deputados no Parlamento galego e 42% dos votos, cinco menos que os logrados nas últimas eleccións galegas de 2020 e un escano por debaixo dos 38 que estabelecen a maioría absoluta. Precisamente, no anterior panel os populares obtiñan 38 deputados.

Outro dos datos significativos é que por primeira vez Vox obtería 5% necesario dos votos para entrar no Parlamento galego cun deputado. Sería a primeira vez que a extrema dereita ultraespañolista de Vox conta con representación de calquera tipo nas institucións locais ou nacionais da Galiza.

Esta enquisa de Electomanía recolle o efecto da crise interna do PP e do anuncio do aínda presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, para presentar a súa candidatura á presidencia estatal dos populares. Tamén recolle o pacto de PP e Vox en Castela e León, que contou co apoio do propio Feixoo.

BNG, con opcións reais de gobernar

Pola súa parte, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) seguiría no seu proceso de consolidación como segunda forza no Parlamento galego e principal alternativa real ao PP. O Bloque obtería 20 deputados con esta sondaxe e 26% dos votos. Nas galegas de 2020, conseguiu 19 actas e 23,8% dos votos, polo que mantén a progresión alcista que vén mostrando nos dous últimos anos.

En canto ao Partido Socialista (PSdeG), obtería 15 escanos e 19,6% dos votos, cuns resultados moi semellantes aos recollidos en 2020, 14 e 19,39%. Por último, Galicia en Común-Anova recuperaría a representación no Parlamento con dous deputados e 5% dos votos.

Por bloques, BNG e PSdeG superarían o tanto por cento de votos do PP. Ambas as formacións políticas sumarían 45,6% dos votos, por 42% do PP. As tres formacións progresistas superarían 50% dos votos, e ficarían a un escano da maioría absoluta. 

Comentarios