O Goberno do PP en Cerdedo-Cotobade oponse a retirar a simboloxía franquista do espazo público

simboloxia franquista cerdedo

O pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade rexeitou  unha proposta do BNG para poñer en marcha unha comisión municipal que tivese como obxectivo catalogar e eliminar ao longo de 2020 a simboloxía franquista de elementos do espazo público onde aínda pervive: fontes, lavadoiros e outros bens públicos.

A iniciativa, rexeitada cos votos do grupo municipal do Partido Popular, tamén pulaba para retirar mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura. O PSOE apoiou a proposta das nacionalistas.

O portavoz do BNG neste concello, Ernesto Filgueira, instou o alcalde popular, Jorge Cubela, a "afastarse da negra e escura etapa franquista" apoiando esta iniciativa para "abrir un tempo novo en Cerdedo e Cotobade con máis respecto histórico, máis memoria e máis democracia". "Non foi posíbel", lamentou Filgueira.

Desde o Colectivo Portalén, que colaborou na moción, consideran que “caeu a careta de demócrata e galeguista coa que pretende disfrazarse Jorge Cubela”.

O Partido Popular goberna neste concello da comarca de Pontevedra con maioría absoluta ao ter 9 dos 13 edís. O PSOE ten 3 representantes e BNG un concelleiro.

Comentarios