O PP ofrece ao PSOE a alcaldía de Ourense

Cambio de Goberno á vista no Concello de Ourense. Decorreu unha reunión entre as distintas forzas políticas con representación no Consistorio que si podería acabar coa presenza de Gonzalo Pérez Jácome no cargo de rexedor.

EuropaPress_3360199_rafael_villarino_rueda_prensa
photo_camera O PSOE local xa reclamara unha moción de censura. (Foto: Europa Press)

A reunión realizada entre os grupos municipais do PP, PSOE, Ciudadanos e os concelleiros non adscritos escindidos de Democracia Ourensá abriu a porta ao relevo de Gonzalo Pérez Jácome ao fronte da alcaldía de Ourense.

A xuntanza, convocada a iniciativa do portavoz de Ciudadanos, José Araujo, serviu para que o Partido Popular propuxese un Goberno de coalición aos socialistas, encabezado polo portavoz municipal desa formación, Rafael Villarino.

O portavoz do Partido Popular e anterior alcalde da cidade, Jesús Vázquez, apostou por un equipo de Goberno que teña un rexedor e "polo menos" 14 apoios porque, desde o seu punto de vista, o que necesita a cidade é un Executivo estábel que resista os tres anos que quedan de mandato.

Neste sentido, precisou que o seu grupo non se fechou ao redor de ningún nome posto que "non se trata de apelidos" ou "identidades de partido" senón de presentar ante a veciñanza de Ourense "unha cabeza visíbel cun programa visíbel para o desenvolvemento da cidade".

O responsábel dos socialistas, Rafael Villarino, asegurou que "é de lóxica" que o alcalde sexa o candidato da lista máis votada, posto que do contrario "non serían necesarias" as maiorías, xa que mesmo "os non adscritos" poderían ser rexedores municipais, mais discrepou dos populares en que un Goberno estábel implique un Executivo de 14 concelleiros posto que "iso xa era o que houbo durante este mandato" e "non funcionou".

O voceiro do BNG, Luís Seara, xustificou a ausencia no encontro da súa formación argumentando que non acudirían a máis reunións “a menos que fose para asinar a moción de censura que outorgase a alcaldía a lista máis votada”.

Ao tempo, os representantes de Ciudadanos e dos concelleiros non adscritos escindidos de Democracia Ourensá valoraron positivamente o encontro, sinalando o voceiro destes, Miguel Caride, “isto é o que hai que facer", conversar e chegar a acordos polo “ben da cidadanía".

Comentarios