O PP di que non paliará a suba do IVE cultural por "coherencia política" con Madrid

O deputado do PP, Agustín Baamonde Díaz, respostou así á proposición non de lei presentada polo BNG e coa que a organización frontista demandaba medidas compensatorias para paliar os efectos do incremento impositivo na cultura. O IVE do 21% que grava os produtos culturais está a pór en xaque un sector xa tocado pola crise. 

cultura

"Cúmprense os peores vaticinios", afirmou a deputada do BNG, Ana Pontón, na Comisión 4ª. A parlamentar nacionalista defendeu unha proposición non de lei encamiñada a instar a Xunta a adoptar medidas compensatorias que palíen o efecto que está a ter a suba do IVE (do 8% ao 21%) cultural, decretada polo Goberno español en xullo de 2012. Unha medida, sinalou Pontón, "represiva" e "inxusta" que "terá consecuencias negativas en todos os ámbitos da actividade económica" e do punto de vista social. 

Neste senso, a organización frontista demandou ao Parlamento unha posición contraria á medida impulsada desde Madrid a través dunha proposición non de lei que consideraron "de mínimos". A iniciativa visaba instar a Xunta de Galiza a elaborar un "estudo serio e rigoroso sobre as consecuencias da suba do IVE" e a adopción de "medidas para paliar o efecto do mesmo", tales como o "bono-cultural" promovido polo Goberno basco, lembrou o portavoz do PSdeG-PSOE, Francisco Caamaño. 

O PP non apoia a proposta por "coherencia política" co goberno español

Os grupos de AGE e PSdeG apoiaron a proposta do Bloque, que foi rexeitada polo Partido Popular. Segundo Agustín Baamonde Díaz, quen defendeu a postura d@s populares durante a comisión, o seu rexeitamento débese á "coherencia política" que o partido que dá suporte ao "goberno galego e de España" debe gardar en relación ás "medidas adoptadas para loitar contra a crise". 

A suba do IVE do 8% ao 21% supuxo un incremento do 200% no sector cultural

Desta maneira, se ben asegurou "partillar o fondo que latexa" na proposición non de lei e recoñecer que o incremento en máis do 200% da presión fiscal sobre o sector supuña un problema engadido no acceso á produción cultural en Galiza, Baamonde declinou votar favorabelmente á PNL d@s nacionalistas.

Aliás, acrecentou, "xa se están adoptando medidas" compensatorias desde o Estado dirixidas, indicou, a paliar os efectos da crise no sector cultural. Así, subliñou "o acordo co sector do cinema" --a través dunha desgravación aos investidores na produción cinematográfica-- ou o aumento da partida orzamentaria dirixida ao teatro. 

A deputada do BNG, Ana Pontón, que non se amosou sorprendida polo rexeitamento da proposta desde o Partido Popular, retrucou cun sucinto comentario á actitude do partido maioritario: "Que duro é formar parte do goberno dos cínicos, verdade, señor Baamonde?". 

Comentarios