O PP négase a ampliar os puntos de encontro familiar

Piden maior seguridade e máis puntos de encontro familiar (PEF) na Galiza, así como adaptalos á pandemia
Comisión de Xustiza na sede da Cámara galega.
photo_camera Comisión de Xustiza na sede da Cámara galega.

O PP vetou unha proposta para incrementar o número de puntos de encontro familiar (PEF) na Galiza que procuraba mellorar as súas condicións. A iniciativa partiu dunha proposición non de lei presentada pola deputada do Partido Socialista, Paloma Castro, na comisión de Xustiza do Parlamento. A proposta tamén pedía mellorar a seguridade das usuarias e garantir as medidas sanitarias fronte á Covid-19 sen incrementar listas de agarda. 

A socialista puxo en cuestión a “xestión política do PP dos PEF”, logo de anos "prometendo o reforzo da rede para ampliar e mellorar un servizo que agora só está dispoñíbel nas sete grandes cidades". Castro sinalou que “van polo menos dous anos desde que se comprometeron a incluílos nos orzamentos, pero non o fixeron nin en 2019 nin en 2020”. A proposta reivindicaba tamén o incremento dos puntos actuais “alí onde for preciso”, e lembraba a demanda existente de PEF no Salnés, Morrazo, Carballo e a Costa da Morte. A deputada sinalou que “as familias non recorren a estes recursos porque queiran, senón por sentenza xudicial de obrigado cumprimento”, que en ocasións as obriga a percorrer máis de cen quilómetros polos seus propios medios nunha fin de semana.

“Antepoñan o interese das e dos menores” e “garantan a seguridade das persoas usuarias”, que en ocasións teñen que acompañar os pequenos para que estean cos pais con condena de afastamento por malos tratos. De feito resaltouse o caso de Pontevedra, “localizado na parte de atrás do edificio de Sanidade, nunha rúa sen saída, mal iluminada e coa porta de emerxencia situada a través dun inmóbel que permanece fechado nas fins de semana”.

Veto á vacina antirrábica obrigatoria en cans e gatos

O BNG presentou no Parlamento galego, no marco da comisión de Agricultura e Gandaría, a aprobación "con urxencia dun plan de xestión e de bioseguridade do xabaril, que permita ter diagnósticos anticipados do estado da poboación, tanto a efectos de control de tamaño e efectivos, como detención precoz de carga vírica da peste porcina, e posíbel identificación de áreas infectadas.

Nesta mesma comisión, co voto en contra do PP, tamén se pediu estabelecer de forma obrigatoria a vacinación antirrábica en cans, gatos e furóns. O PSdeG propúxoa para prever gromos desta enfermidade que xorde en mascotas pero pode ser transmitida aos seres humanos.

Comentarios