REFORMA LEI DO ABORTO

O PP nega que as mulleres teñan "dereitos absolutos"

O partido maioritario defende no Congreso a obriga de que as menores de 18 anos conten con autorización familiar para abortar porque o seu "desenvolvemento intelectivo non é suficiente". 

aborto
photo_camera [GzContrainfo]

A deputada popular Marta González foi a encargada de defender en sesión plenaria a proposición de lei coa que o Partido Popular pretende modificar a Lei de saúde sexual e reprodutiva e para a interrupción voluntaria do embarazo. Na súa intervención política González tirou de argumentos que mesmo van en contra de si propia. E é que a parlamentar asegurou que "os dereitos das mulleres" embora existiren "non son absolutos". 

Máis no concreto, González amosou mesmo o seu asombro porque na lexislación vixente se considere "mulleres" as menores de 18 anos e asegurou que estas non poden decidir libremente sobre a interrupción dun embarazo non desexado porque "o seu desenvolvemento intelectivo non é suficiente". 

Desde o Partido Popular definen como unha "aberración xurídica" o recollido na Lei 2/2010 e apelan á "alarma social" e "grande conmoción" que tería xerado a norma para argüír a iniciativa que agora será tramitada nas Cortes españolas logo de se aprobar a súa toma en consideración esta terza feira (14 de abril). 

O PP tira do argumentario de deputados do PSOE

Para reforzar a súa posición a deputada do PP valeuse das declaracións públicas de diversos cadros políticos socialistas en 2010 nas que se distanciaban da lei durante a súa tramitación parlamentar. Argumentos esgrimidos por Alfonso Guerra, Ibarra, Peces Barba ou Pérez Tapias --deputados ou exdeputados do PSOE-- resoaron na Cámara en verbas do grupo popular para sinalar que "unha adolescente non ten autonomía suficiente" para tomar unha decisión "tan trascendental" como o aborto. 

Para o PP que as menores de 18 anos poidan abortar nas condicións actuais é unha "aberración xurídica"

As forzas da oposición --agás UPN, Foro Asturias e Unió Democrática de Catalunya-- amosaron o seu desacordo coa proposición de lei presentada. Quer por cuestións de forma ou de fondo unha ampla representación parlamentar acusou o partido que apoia o goberno de empregar "os dereitos das mulleres" como unha "moeda de troco" en período electoral e de presentar pola "porta de atrás" e através do grupo parlamentar, unha proposición de lei que "non se atreven" a defender desde o executivo. 

"Electoralismo", "fanatismo" e "clasismo"

Aliás, sinalou a deputada do PSOE, Carmen Montón, "queren eludir os informes preceptivos do Consello de Estado e do Consello Xeral do Poder Xudicial". As acusacións de "electoralismo", "fanatismo" e "clasismo" cara ao Partido Popular foron lanzadas desde a tribuna por diferentes forzas políticas pois, dixo Joan Tardá de ERC, "a vostedes sempre lles quedará Londres" para abortar. 

Pola súa banda, a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, acusou a forza maioritaria de querer contentar "unha minoría moi minoritaria" a costas "da maioría social" que apoia a actual regulación pois, sinalou, "a proposición [de lei] non responde a ningunha demanda social" e a "alarma" da que fala o Partido Popular "é a que vostedes xeran mentindo". 

Onintza Enbeitia (Amaiur): "Vostedes confunden dereito con dereitas, a máis reclamo de dereitos máis dereita nos meten coa lei do embude"

Os grupos parlamentares debruzáronse sobre os dados de 2013 --os últimos rexistrados-- segundo os cales das 25 mil interrupcións voluntarias de embarazo practicadas "só 113 casos foron de menores" e entre elas "o 88% foron acompañadas" por un ou máis familiares, explicou o deputado do PNV, Agirretxea. 

"Vostedes confunden dereito con dereitas", arremeteu a deputada de Amaiu, Onintza Enbeitia, "e a máis reclamo de dereitos máis dereita nos meten coa lei do embude". A parlamentar basca asegurou que "as mozas precisan liberdade para elixir, para ser sen imposicións de xénero" e unha "educación acaída ao tempo no que se vive". "Non cansen tanto en nos protexer, con ser libres conformámonos", sentenciou. 

Porén, algunhas forzas da oposición, entre elas Foro Asturias e UPN, bateron contra a proposta do Partido Popular embora avanzar que a apoiarían. Ambos deputados acusaron o grupo popular de presentar un "retoque leve, puntual e express" no que definen como "é máis que non facer nada". Tanto UPN como Foro sinalaron que presentarán emendas ao texto, un feito ao que tamén podería sumarse o propio grupo propoñente. 

Comentarios