O PP de Mugardos ofrece ao PSdeG negociar un Goberno fronte ao diálogo iniciado de BNG e socialistas

Salvo sorpresa, Evaristo Deus (BNG), será investido alcalde o 17 de xuño.

Porto de Mugardos, na comarca de Ferrolterra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Porto de Mugardos, na comarca de Ferrolterra. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular de Mugardos (comarca de Ferrolterra) asegurou esta terza feira que "ante o contexto actual de incerteza" para a configuración dun Goberno nesta localidade, ofrecen "buscar alternativas que poidan achegar un Goberno estábel para o próximos catro anos". Por iso, decidiron convidar ao PSdeG para entrar nun Goberno liderado polos populares para ser tamén unha opción "duradeira".

Así, a través dun comunicado detallan que esta pequena localidade costeira "non pode estar sometida de novo aos vaivéns da oposición, con posicións nalgúns casos contraditorias en proxectos de máxima importancia para o desenvolvemento do noso municipio", mostrando así a súa oposición "a un tripartito que, paradoxalmente, tería que sustentarse en socios que nalgún caso fixéronse unha moción de censura entre eles", en alusión a Esquerda Unida (EU).

Desta maneira, os populares de Mugardos consideran que "non parece a mellor base para a lealdade e diálogo de quen pretende dar estabilidade e certezas".

O partido liderado polo rexedor en funcións do PP, Juan Domingo Deus, detallou que "tampouco parece demasiado razoábel volver ao escenario de rupturas de pactos que matematicamente se veñen producindo alí onde EU está presente" e que, por iso, "aínda non chegaron a ningún acordo co resto de forzas da esquerda".

Negociacións

As eleccións do pasado 28 de maio deixaron neste municipio da comarca de Ferrolterra un escenario no que o PP foi a forza que logrou un maior número de concelleiros e concelleiras, con cinco edís, os mesmos que xa tiña, por tres do PSdeG, igual número que en 2019, por tres do BNG, que subiu dous, e dous de Esquerda Unida, que baixou dous, nun pleno de 13 edís.

Dos tres grupos de esquerda o que logrou un maior número de votos foi o BNG, de maneira que a Evaristo Deus corresponderíalle liderar as negociacións destas tres formacións. Na mesma noite electoral o PSdeG de José Ángel Martínez Bardanca xa apostou por chegar a un acordo cos nacionalistas, unha opción que gañou moitas probabilidades de prosperar logo de que a candidata de EU, Pilar Díaz, xa anunciare a súa intención de deixar a política e dar un paso ao carón tras a baixada de dous edís.

Salvo sorpresa, Evaristo Deus será investido rexedor o 17 de xuño, a expensas de se se fragua finalmente un tripartito de esquerdas ou se os apoios son só para gobernar un bipartito formado por BNG e PSdeG.

Comentarios