O PP mudará a lei para que o aborto deixe de ser un dereito

O ministro de Sanidade anunciou que reformarán a lexislación para alén do referido á interrupción voluntaria do embarazo das menores de 18 anos.

Alfonso Alonso PP
photo_camera Alfonso Alonso [Imaxe Partido Popular]

Alfonso Alonso asegurou nunha entrevista concedida a RNE que "o aborto non é un dereito, isto ten que quedar claro". Estas declaracións do ministro coinciden coa información publicada polo diario español El Mundo na que, citando fontes populares, se avanza a modificación da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo para alén do artigo referido ás mulleres menores de 18 anos, que se verán obrigadas a contar con autorización familiar para abortar

A reforma lexislativa será debatida no Congreso a vindeira terza feira (14 de abril) e incorporará as emendas dos grupos parlamentares, entre elas as do propio Partido Popular. Nas últimas semanas a formación maioritaria da Cámara mantivo diversas reunións c@s deputad@s antiabortistas e representantes da Igrexa católica --segundo informa El Mundo-- á fin de acordar unha modificación que conte co apoio tanto da curia como da á máis radical do partido.

A cúpula do PP reuniuse nas últimas semanas con representantes da Igrexa católica para valorar a reforma

Segundo o rotativo madrileño a proposta da dirección do PP será a desaparición de "maternidade libremente decidida", definición que recolle a lei actualmente en vigor no artigo 3.2. Iniciativa que se corresponde coas declaracións de Alonso. 

Este feito suporía unha modificación máis ampla que a anunciada polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, após retirar a reforma deseñada polo ex-ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, que acabaría demitindo. 

Comentarios