PP e En Marea apresentan en castelán as súas alegacións ao informe do Consello de Contas

O conselleiro maior do organismo apresentou esta cuarta feira o informe de fiscalización de gastos e ingresos das organizacións parlamentares nas pasadas eleccións galegas.

En marea en castelán
photo_camera Alegacións de En Marea en castelán

Partido Popular e En Marea apresentaron en castelán as alegacións ao informe do Consello de Contas que fiscalizaba a contabilidade eleitoral das diferentes organizacións políticas nas pasadas eleccións galegas do 25 de setembro. Pola contra, PSdeG e BNG realizaron o trámite en galego.

Pp en castelánEsta cuarta feira, 31 de maio, tivo lugar a comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas para apresentar o mencionado informe. O feito de que dúas organizacións, das catro con representación na Cámara galega, non pasou desapercibida. A deputada do BNG Noa Presas lamentou, durante a súa quenda de réplica, que “dúas organizacións” empregasen o castelán para un trámite perante o Consello de Contas. “Non nos parece normal”, indicou, ao tempo que incidía nun “contexto” no que a sociedade galega loita por defender o uso con normalidade do galego en todos os ámbitos.

Se ben Presas non pronunciou o nome “das dúas organizacións”, a documentación dispoñíbel na propia web do Parlamento na que se informa da comisión permite comprobar que son PP e En Marea.

A intervención da parlamentar nacionalista non tivo comentario ou réplica algunha por parte de ningunha das outras formacións.

Comentarios