O PP mantería a maioría absoluta no Parlamento galego mesmo coa cota Hare

Só a perdería se se reducise ao 3 por cento dos votos o limiar mínimo para obter representación. Nese suposto entraría Cs na cámara, con 3 parlamentares

Colexio electoral 20D eleccións xerais
photo_camera Votación nun colexio eleitoral de Oleiros

Os resultados do PP en setembro de 2016, últimas eleccións galegas, son tan sólidos que, de os tomarmos como referencia, o partido liderado por Feijóo mantería a maioría absoluta mesmo se se aplicase a cota Hara, o sistema de atribución de escanos máis proporcional que existe polo que advogou o BNG na reforma eleitoral que a formación frentista apresentou esta semana.

O PP -sempre que se mantivese o limiar de 5 por cento para a entrada no Parlamento- obtería a maioría absoluta aínda que as eleccións se realizasen nunha circunscrición galega única, con supresión das provincias, outra das propostas do BNG. Só baixaría do escano número 38 se o mínimo para obter representación se reducise a 3 por cento.

O sistema Hare consiste en dividir o número de votos válidos a candidaturas polos escanos a repartir, 75 no caso do Parlamento galego. Feita esa operación aritmética, o 'prezo' en votos dun escano no Pazo do Hórreo sería de 18.938,41.

O 'prezo' en votos dun escano no Pazo do Hórreo sería de 18.938,41

No primeiro suposto contemplado -o mantimento do 5 por cento como limiar mínimo de representación- o PP faríase con 38 escanos -a maioría absoluta xusta-, En Marea con 15, o PSdeG con 15 e BNG con 7. A corrección sobre a Lei D'Hont sería sensíbel: o partido de Feijóo cedería 3 asentos, 1 a cada unha das forzas políticas da oposición.

Mais o 5 por cento operaría como barreira ao deixar fóra Ciudadanos e permitiría ao PP, mesmo con Hare, ter máis do 50 por cento dos asentos con menos da metade dos votos (tivo exactamente 47,56 por cento).

A redución ao 3 por cento da cota mínima de votos para entrar no Parlamento (ese é o limiar que vigora no Estado e a que existía en Galiza antes de ser elevado polo Goberno Fraga) si produciría un resultado auténticamente proporcional. Nese caso o PP caería até as 36 actas, En Marea conseguiría 15, o PSdeG 14, o BNG 7 e Ciudadanos estrearíase no Pazo do Hórreo con 3 representantes. O PP só podería gobernar co apoio do partido laranxa. O pior dos pesadelos para Feijóo.

Se se reducir a 3 por cento o limiar de entrada no Parlamento galego, o PP ficaría con 36 escanos e Cs conseguiría por vez primeira representación, con tres escanos

Na reforma eleitoral que propón o BNG o limiar mínimo para obter representación sinxelamente desaparece. Por tanto, se se aplicar esta proposta na súa totalidade, o PP ficaría por debaixo da maioría absoluta.

En todo caso, este é a día de hoxe un exercicio de política ficción porque o PP ten capacidade de veto efectivo sobre a reforma central sen a cal non é posíbel chegarmos a un cenario como o descrito. Sen os votos do PP non é reformábel o Estatuto de Autonomía (requérense unha maioría cualificada de dous terzos para calquera mudanza) e, portanto, non sería posíbel alterar o tamaño das circunscricións, e substituír o distrito provincial polo distrito único.

Comentarios