O PP mantén os seus líderes territoriais ante o futuro incerto de Feixoo

Feixoo reiterou na campaña das galegas que esta sería a súa última lexislatura. Pois ben, ante unha posíbel busca de substituto, os líderes provinciais fanse chaves: Calvo e Rueda como os mellores situados para suceder Feixoo mentres que Candia e Baltar son fulcrais pola súa influencia nos seus territorios para decantar a votación en caso de haber varios candidatos.
Feixoo
photo_camera Núñez Feixoo con Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina).

O portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, sostivo esta segunda feira, 20 de setembro, que a "imaxe de unidade" mostrada pola súa formación nos congresos provinciais do partido para renovar as súas direccións demostra que o PPdeG é "garantía de estabilidade".

Nese sentido, felicitou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a parlamentaria Elena Candia pola súa reelección como presidentes provinciais do partido en Pontevedra e Lugo, respectivamente. Este sábado será o congreso na Coruña e o presidente provincial, Diego Calvo, é o único candidato ao posto.

O mesmo acontece en Ourense, onde o actual presidente, Manuel Baltar, non ten rivais. Remata así o ciclo congresual do PPdeG, que en xullo reelixiu Núñez Feixoo como líder. Este reiterou nas eleccións galegas de 2020 que se as gañaba, esta sería a súa última lexislatura. Así pois, os líderes provinciais fanse chaves: Calvo e Rueda como os mellores situados para suceder Feixoo mentres que Candia e Baltar son fulcrais pola súa influencia nos seus territorios para decantar a votación en caso de haber varios candidatos.

Novos escanos no Parlamento

Por outra banda, o portavoz popular na Cámara galega informou esta segunda feira da incorporación de sete novos deputados ao grupo parlamentario e agradeceu “o traballo e a participación dos sete conselleiros que renunciaron á súa acta no grupo popular”. “Esta decisión non só vai potenciar ao Goberno galego, senón tamén o propio grupo parlamentario, dado que se incorporan sete persoas con experiencia política tanto a nivel local como galego”, valorou Puy.

O cambio de deputados, como infomou Nós Diario, prevese que redunde nun incremento dos gastos públicos en 450.000 euros anuais. Adoita ser un movemento clásico nas lexislaturas do PP na Xunta que na metade do mandato as e os conselleiros abandonen o escano para así rodar publicamente outras persoas de cara a conformar candidaturas nos vindeiros comicios, neste caso, municipais. 

En concreto, os escanos dos conselleiros Ánxeles Vázquez, Ethel Vázquez, Fabiola García e Rosa Quintana serán ocupados por Adrián Pardo (líder de Novas Xeracións), Begoña Freire, Rosalía López e Jesús Miguel Prado (circunscrición da Coruña). Román Rodríguez e Valeriano Martínez serán substituídos por Moisés Rodríguez e Belén Cachafeiro (circunscrición de Pontevedra); mentres que Carlos Gómez ocupará o lugar de José González (circunscrición de Ourense).

Comentarios