NA GALIZA, RETROCESO CONSERVADOR, EN MAREA SEGUNDA FORZA E NóS FICA FóRA

O PP, sen maioría para gobernar no Congreso español máis fragmentado da historia

[NOTÍCIA ACTUALIZADA ÁS 0.46 HORAS]. O 20D sáldase cun resultado endiañado de tan difícil xestión política que non é desbotábel que se poda abrir un escenario de eleccións antecipadas por imposibilidade de formación do goberno. No Estado, o PP é a lista máis votada, mais, mesmo con Ciudadanos, fica lonxe da maioría absoluta. Na Galiza, o PP cede 5 escanos, En Marea faise coa segunda praza -terá grupo parlamentar- e Nós fica fóra do Congreso, cun 4,3% dos votos, por debaixo das expectativas.

capa_eleccions

Co 99,78% do voto escrutado, o Partido Popular é a lista máis votada no conxunto do Estado, co 28,70% dos sufraxios e 123 escanos. Sofre unha queda histórica, ao ceder 63 asentos a respeito de 2011. O pior para o PP é que non sumaría maioría absoluta coa outra marca da dereita, a emerxente Ciudadanos. O partido de Albert Rivera confirmou nas urnas o descenso que lle presaxiaban os inquéritos, ao ficar co 13,93% e un total de 40 escanos. A suma PP + Ciudadanos dá, portanto, 163 actas, moi lonxe da maioría absoluta (176).

O problema para Rajoy é que fóra de Rivera apenas ten parceiros. Tería, no mellor dos casos, un voto máis para a súa eventual investidura, o de Coalición Canaria. Hai que ter en conta que nen sequer ten asegurado o voto de Ciudadanos, sendo que na campaña o seu líder afirmou por activa e por pasiva que nunca investiría Rajoy, que no mellor dos casos -esclareceu nun pinchacarneiro final que ben lle puido custar miles de votos- se abstería para permitir a formación dun goberno. A abstención cos resultados finais non lle abondaría a Rajoy.

No centro-esquerda, o PSOE obtén o 22,02% e 90 escanos, 20 menos que os colleitados por Rubalcaba en 2011. O descenso, porén, non é tan acusado como para ceder a segunda praza a Podemos. O partido de Pablo Iglesias faise con 42 escanos nas circunscricións en que concorreu como tal, cifra que se elevaría a 69 se lle engadirmos as 27 de En Comú (12), Compromís (9) e En Marea (6). 90 + 69 dá 159, 4 menos que o cómputo PP + Podemos. As boas noticias para Sánchez é que ten máis aliados potenciais que Rajoy: os 2 escanos de IU por Madrid. 161. Por tanto, o bloco da dereita  (PP+Ciudadanos+Coalición Canaria) superaría o do centro-esquerda (PSOE+Podemos+IU) por 164 a 161. Gañaría Rajoy, mais eses 164 son o seu teito e con ese listón dificilmente podería chegar a ser investido (precisa máis votos a favor que en contra).

O papel das forzas soberanistas

Quen pode acabar decidindo o combate? Pois as forzas soberanistas: os 6 escanos do PNV, os 8 de Democracia i Llibertat, os 9 de ERC e os 2 de Bildu. O asunto non é de doada elucidación pois se pode dar a circunstancia de que  os líderes das formacións políticas españolas opten por non negociar a investidura cos soberanistas para que non se poda alegar que chegaron ao seu cargo votados por forzas secesionistas (sic). Esta é unha das incógnitas que deita a xornada.

Especulacións á marxe, o que se pode afirmar obxectivamente é que só un milagre político podería permitir a Rajoy manterse no goberno e que o PSOE ten máis opcións de facer goberno (en teoría é máis fácil que chegue a un acordo co PNV do que os nacionalistas vascos se combinen con PP e Ciudadanos), sen que se poda desbotar en absoluto a hipótese de que, apurado o trámite sen se materializar investidura nengunha, se disolvan outra volta as cámaras e se vaia a unha nova convocatoria eleitoral.

Os 23 escanos na Galiza

Na Galiza, co 99,73% escrutado, o PP sofre un retroceso moi significativo. Obtén 10 escanos, cede 5 asentos e baixa máis de 15 pontos, do 52,53% ao 37,08%. A segunda praza é para En Marea, que confirma os bons prognósticos das enquisas e se fai co 25,04% dos sufraxios, 6 escanos. Mantén moi bon o tipo o PSdeG-PSOE, con 6 actas, as mesmas que en 2011, embora retrocede 6,5 pontos percentuais.

Fica por debaixo das expectativas a marca coa que o nacionalismo galego concorreu a este proceso eleitoral, Nós Candidatura Galega. Recolle 70.322 votos, o que representa o 4,32% dos emitidos. Apesar de ter feito unha campaña moi meritoria con grande suceso nas redes sociais, parece evidente que a marca non tivo tempo de callar entre o eleitorado galego. Cede, a respeito do BNG, arredor de 115 mil votos.

Comentarios