O Partido Popular presentou unha moción municipal "en relación ao posicionamento do BNG a favor da ruptura democrática do Estado". A iniciativa, rexistrada no Concello de Monforte insta á corporación municipal a amosar o seu rexeitamento "aos afáns independentistas do BNG" e que "declare o seu compromiso" na defensa, din, "do Estado das Autonomías" instaurado coa Constitución de 1978 ao aseguraren que os posicionamentos do Bloque "non reflicten o sentir maioritario da sociedade galega".
A moción presentada [email protected] populares subliña na súa exposición de motivos aquelas declaracións públicas en que a organización frontista se manifestou a favor dun "proceso de ruptura democrática co Estado". Neste senso, denuncian o acto político desenvolvido de maneira conxunta por BNG, ERC e Amaiur o pasado 5 de xuño en Compostela.
As formacións soberanistas con representación nas Cortes españolas presentaron unha PNL reclamando o "respecto ao exercicio do dereito de libre determinación" para as nacións sen Estado, así como demandaron para estas respecto na convocatoria dun referendo de autodeterminación.
Desde o PP sinalan que a representante do Bloque no acto, Rosana Pérez, "defendeu a ruptura democrática das nacións sen estado". Neste senso, a iniciativa presentada polo BNG, ERC e Amaiur contempla o recoñecemento dunha "declaración unilateral" perante a negativa do Goberno español a "unha saída pactada e democraticamente administrada".
Rachar cun Estado español que é "un lastre" para Galiza
Así mesmo --continúa o texto da moción-- "o pasado 22 de agosto" o "secretario de Organización" do BNG, Bieito Lobeira, "deu un paso máis na súa deriva independentista" ao asegurar que "o Estado español é un lastre do que nos temos que liberar" mentres lanzou un chamamento a participar da manifestación convocada pola fronte nacionalista o pasado 15 de setembro.
Tamén así, denuncian desde o Partido Popular, a campaña desenvolvida polo BNG durante o transcurso da Volta Ciclista en que chamaron a visibilizar "simboloxía nacionalista", visaba "facer uso político deste evento" e "publicitarse" para "dar", din, "unha imaxe de afán independentista na Galiza" que, subliñan @s populares, "en nada se corresponde co sentir maioritario da sociedade galega".
Durante esta campaña [email protected] militantes do BNG foron identificadas pola policía española por portaren bandeiras da patria e pintaren murais ao paso da carreira ciclista en que se podía ler 'Galiza Nación'.
Así pois, desde o PP instan á corporación municipal a amosar o seu apio "á pertenza da Galiza a España" para que "non quede dúbida", din, do seu rexeitamento aos "afáns independentistas amosados polo Bloque".