AS FONTES CONSULTADAS POR SERMOS VEN AFASTARSE UNHAS NOVAS ELECCIóNS

O PP instálase na idea de que o PSOE conseguirá a investidura de Sánchez

Dirixentes do partido conservador como o ministro de xustiza en funcións, Rafael Catalá, especulan mesmo coa hipótese de que finalmente Rajoy opte por non se submeter ao debate de investidura, para aforrar a súa segura derrota. Por súa parte, o PNV condicionará o apoio a Sánchez a que se abra a discutir un novo estatus para Euskadi.

Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez, esta quinta feira en Fitur

O Partido Popular ten a convicción de que Mariano Rajoy non está en condicións de ser reeleito como presidente do goberno e que, por contra, Pedro Sánchez, o secretario xeral do PSOE, si terá os votos suficientes para, en segunda volta, ser indixitado polo Parlamento como novo titular do Executivo. Isto loxicamente afastaría a hipótese de novas eleccións.

As fontes da formación conservadora consultadas por Sermos Galiza consideran neste momento moi verosímil que o PSOE consiga o voto positivo do grupo confederal de Podemos (65 escanos, incluídos os 6 de En Marea e os 12 de En Comú Podem), PNV (6) e Compromís (4). O PSOE tería tamén practicamente atada a abstención de ERC e Democrácia i Llibertat (a antiga Convergència).

A situación é tal que nen sequer é desbotábel que Rajoy renuncie a tentar a investidura, segundo admiten dirixentes do PP en privado, embora en público o discurso oficial apunta a que, no encontro que irá ter mañá na Zarzuela con Felipe VI, o presidente en funcións mostrará a súa disposición a tentar a aprobación do Parlamento.

Os cálculos do PSOE son, en troca, que finalmente alcanzarán un acordo de investidura con Podemos e co PNV

Teno imposíbel en primeira volta Rajoy, que só conta cos 123 escanos conseguidos polo PP o 20D, e tamén en segunda, rolda na que lle abondaría con ter máis votos afirmativos que negativos. A oposición do PSOE aborta calquera pretensión dos conservadores de manter o seu líder na Moncloa.

Os cálculos do PSOE son, en troca, que finalmente alcanzarán un acordo de investidura con Podemos e co PNV [os nacionalistas vascos condicionan a alianza ao recoñecimento da condición nacional de Euskadi]. A negociación coa formación de Iglesias por volta dos grupos parlamentares tería dado os seus froitos: a cesión de senadores do PSOE a Podemos tería tido como contrapartida a decisión da escadra podemita de non tentar o rexisto dos catro grupos parlamentares comprometidos en campaña co seu eleitorado. En realidade, a oferta do PSOE no Senado era simplesmente un xesto carente de consecuencias práticas, sendo que na Cámara alta a maioría absoluta do PP se bastaba, como así foi, para neutralizar o propósito de Podemos de rexistar nela dous grupos, o propio e o composto polos seus parceiros galegos, catalás e valencianos.

O partido dos círculos xa non pon o referendo catalán no frontispicio como liña vermella a non ultrapasar en calquer negociación

Os últimos movimentos tácticos de Podemos -dictados polo seu principal estratega, Íñigo Errejón- alimentan o escenario do acordo. O partido dos círculos xa non pon o referendo catalán no frontispicio como liña vermella a non ultrapasar en calquer negociación. Nun documento elaborado pola Secretaría Política do partido, dependente precisamente de Errejón, Podemos prioriza como eixo das eventuais conversas co PSOE a axenda social, desde os despexos até o combate contra a pobreza enerxética. No documento non aparece ningunha alusión directa ao dereito a decidir.

Errejón, aparentemente máis partidario do achegamento ao PSOE do que o propio Iglesias, tería achado nas últimas horas o apoio de Compromís e de En Marea, a xulgar polas declaracións dos seus portavoces, Joan Baldoví e Alexandra Fernández, respectivamente. En Comú Podem sería máis refractario, aínda que nas últimas horas quer Xavi Domènech quer Ada Colau teñen deixado entrever que o referendo de autodeterminación vinculante xa non é conditio sine qua non para o pacto.

A posición do PSC

A posición do PSC podería ser neste sentido chave. É ben lembrarmos que antes da chegada de Miguel Iceta á lideranza do partido, os socialistas cataláns defendían a hipótese dun referendo en Catalunya, sempre e cando fose negociado co Estado. Se Podemos conseguise que Sánchez sintonizase agora con esa posición previa do PSC o acordo para a investidura estaría servido.

O referendo inseriríase nunha eventual reforma da Constitución, a realizar nun prazo non moi longo de tempo. Iríamos, pois, a unha lexislatura curta. A lóxica do acordo sería a seguinte: Sánchez conseguiría o seu obxectivo de sobreviver politicamente e Iglesias apresentaríase como o garante e impulsor da Nova Transición, con disposición, aliás, ao diálogo, a mellor plataforma, pensa Errejón, para asaltar a primacía da esquerda nas próximas xerais.

Comentarios