O PP inicia o curso político co obxectivo de mandar Pedro Sánchez "onde mandamos a Iglesias"

Feixoo asegura, en presencia de Casado, que Galiza é "o mellor lugar para empezar a construír a alternativa" ao Goberno de Pedro Sánchez.
Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado na apertura do curso político do PP en Cerdedo-Cotobade (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado na apertura do curso político do PP en Cerdedo-Cotobade (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

A carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, foi o lugar escollido polo PP para iniciar o curso político. Un acto no que o presidente do PPdeG e titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo avogou por construír unha alternativa que permita "mandar Pedro Sánchez onde mandamos a Pablo Iglesias".

En presencia do presidente nacional do PP, Pablo Casado, presidentes provinciais do PP galego, conselleiros e varios centos de militantes e simpatizantes, Feixoo afirmou que "nunca foi tan necesario" como agora un Goberno de España do PP, "nin sequera en época de Zapatero", e puxo en valor que "non hai mellor lugar que Galiza para empezar a construír a alternativa que o país necesita".

"En Galicia demos un baño de realidade ao PSdeG-PSOE e un baño de crueza, excesiva realidade a Podemos", subliñou, e engadiu que "Madrid profundou nese baño" e, en Andalucía, Juanma Moreno "dará unha gran alegría en 2022". "A alegría definitiva virá en 2023 ou cando queira o Goberno, con Pablo Casado, como presidente dos españois, de España, non dunha parte", insistiu, antes de apostilar: "Por iso temos a obrigación de mandar a Pedro Sánchez onde mandamos a Pablo Iglesias, con educación, coas urnas, cos votos".

Portas abertas

Feixoo non dubidou en definir o PP como "o partido non sectario que dá cabida á inmensa maioría ideolóxica". "E por iso, porque necesitamos coñecer ao noso pobo, temos que escoitar", advertiu.

Tamén abriu a porta do partido ás persoas descontentas doutras formacións ao afrimar que o PP "non se fecha a ninguén" e suxeriu ás militantes socialistas que "non aceptan" a Sánchez como secretario xeral, que non son independentistas, que teñan en conta á "casa" do PP.

De portas para dentro non fixo autocrítica. Tan só se limitou a afirmar que "non hai ningún dirixente do que teñamos que avergoñarnos". O seu discurso centrouse fundamentalmente en resaltar os aspectos negativos do seu principal opoñente a nivel estatal. 

Críticas á oposición

Nesta liña, e volvendo á Galiza, apelou ao traballo dos seus nun ano "chave" para a renovación dos cadros orgánicos do partido, e puxo como exemplo "do que non hai que facer" as tensións internas e a "campaña sucia" do PSdeG. "Ademais de non ter convocado o seu congreso, está en plena campaña sucia do que non debe ser a política, con artigos incendiarios, declaracións, conspiracións permanentes en privado e en público", constatou.

Segundo Núñez Feijóo, "hai moito tempo que o PSdeG deixou de ser un partido da Galiza", para converterse "simplemente nunha sucursal do partido de Sánchez".

Fronte este exemplo, afirmou que o PPdeG "non vive de éxitos pasados nin de enquisas presentes, senón para os desafíos futuros". "Non nos estimulan as leas internas do Goberno de España, nin do distintos PSOE das Comunidades Autónomas", asegurou, á vez que mostrou o seu rexeitamento a "un BNG máis radical que nunca", cuxos representantes "parece que queren reflexionar sobre como ser independentistas e que a xente non se dea conta".

Meses chave

Así, insistiu en que aos populares non lles estimulan "os problemas dos demais", senón "ser útiles á xente, escoitar, reflexionar, aprender e traballar, servir a Galiza e a España".

Respecto diso, advertiu aos seus de que o próximo curso político non será "de pura transición" até as seguintes citas electorais, senón que estamos ante "meses chave", nos que, en función do acerto que se teña, "vai definir o futuro político de España".

Así mesmo, remarcou que ese futuro definirase tamén "a nivel local" e "organizativo", e alertou contra o erro de crer que, tras a pandemia, "basta con esperar" a que a economía mellore. "O PP sabe que non pode conformarse con que as cousas melloren un pouco", concluíu.

Comentarios