O PP impide investigar o fracaso de Alimentos Lácteos e o destino de 9 millóns de euros públicos

BNG, AGE e PSdeG solicitaran unha comisión para determinar que aconteceu con este proxecto e procurar responsabilidades. O PP acusounos de ''facer unha cruzada política para atacar a Feijóo''.

Alimentos Lácteos
photo_camera Alimentos Lácteos

O PP botou man máis unha vez da súa maioría parlamentar. Desta volta, para impedir que se crease, tal e como porpoñían os tres grupos da oposición, unha comisión de investigación sobre Alimentos Lácteos SA, proxecto lácteo que fracasou sen cumprir os 4 anos de vida. Oitenta operarios na rúa, centos de gandeir@s sen cobrar son algunhas das consecuencias dese fracaso.

Tareixa paz, do BNG, lembrou que a administración pública achegou case 8 millóns de euros “nestes tres anos e pico. Cartos que non sabemos onde foron parar”. E que o nacionalismo xa advertía en 2010 que este proxecto non era solvente. Antón Sánchez, de Alternativa Galega de Esquerdas, cualificou o acontecido en AALL como “un fracaso histórico. Un proxecto prantexado e xestionado dunha forma caciquil”. O parlamentar considera que se xogou “irresponsabelmente con cartos públicos. O PP ten que render contas ante todos. Estafaron aos gandeiros. É un golpe á confianza no cooperativismo”.

''Cacicada de Feijóo''

Contundente na súa intervención foi o socialista Pablo García: “ Foi un proxecto político con 2 concelleiros do PP á fronte para tombar un proxecto empresarial que xa existía. Respondía á folla de rota do PP. Non é unha chapuza, é unha cacicada de Feijóo e un pelotazo para determinadas figuras do PP”.

A deputada García Pacín foi a encargada de defender a postura do PP e da Xunta. “Vostedes escenifican un acto máis da súa cruzada política para atacar a Feijóo” comezou dicindo e referíndose ás bancadas da oposición. “Seguen unha liña política desde o inicio deste conflito en Alimentos Lácteos. Vostedes gábanse deste fracaso, no que procuran o seu propio beneficio”.

Comentarios