xoves 09.04.2020

O PP impide a comparecencia de Feixoo para dar explicación dos seus vínculos con Pemex

Fiel á súa posición ao longo da lexislatura no Parlamento, o PP bloqueou onte na deputación permanente a comparecencia de Alberto Núñez Feixoo que reclamaba o conxunto da oposición para aclarar as súas relacións con persoas vinculadas coa petroleira mexicana Pemex e investigadas por indicios de corrupción, como é o caso do que foi entre 2012 e 2016 presidente da compañía, Emilio Lozoya.
A deputación permanente rexeitou que Feixoo compareza.
A deputación permanente rexeitou que Feixoo compareza.

A oposición tivo que repartir 20 minutos en quendas de cinco para defender esta e outras dúas peticións de comparecencia: unha relativa ás pescudas seguidas polo Tribunal de Contas ás axudas á emigración, nas que acabou por salpicar o xa ex secretario xeral da Emigración e hoxe candidato do PP por Ourense, Antonio Rodríguez Miranda, e unha terceira polo falecemento dun traballador no porto da Coruña. 

Todas recibiron a mesma resposta do sector popular, que quixo ver nelas o "exemplo" do labor da oposición e o reflexo da súa "fonda debilidade electoral". Así o fixo notar o portavoz, Pedro Puy, quen acusou o resto de grupos de realizar unha oposición "tendenciosa, con especulacións ou falsas noticias ou que recorre directamente a dicir cousas que non son".

 Para rebatela estaba chamado a comparecer Feixoo, que se libra así de dar conta do seu papel na firma coa empresa pública mexicana dos contratos para a construción de dous  floteis (un nos astaleiros vigueses de Hijos de Barreras e outro en Navantia-Ferrol) a finais de 2012, cuxo sobrecusto está cuantificado nuns 20 millóns de euros.

Algo máis dun ano despois, o Consello de Administración de  PMI (filial de Pemex) aprobou, a proposta de Emilio Lozoya, a compra de 51% das accións de Barreras por 5,1 millóns de euros. A axenda pública do presidente da Xunta e candidato á reelección incluíu entre 2013 e 2014 até cinco encontros co hoxe encausado Lozoya –en prisión preventiva á espera de que se resolva a petición de extradición de México–, segundo lembraron onte desde a oposición.

Aquela compra escenificouse en decembro de 2013, nunha visita de mandatarios da empresa mexicana a Vigo na que se anunciaron varios contratos máis, que nunca chegaron a facerse realidade. O cambio de Goberno en México en 2018 trouxo unha revisión de contratos e unha investigación sobre a petroleira polos visos de corrupción, que converteron o estaleiro vigués, hoxe en estado precario, nun problema para Pemex. 

comentarios