Críticas desde o rural á Xunta

O PP homenaxeará a Galiza rural con motivo do 25 de xullo

A menos dunha semana para o Día da Patria Galega e a maioría das formacións políticas xa teñen perfilada a súa axenda de actos. Desde o PP anuncian que a vindeira terza feira 23 de xullo celebrarán o seu acto. Será en Lalín cunha ofrenda floral ante a escultura de Balbino, na rúa Memorias dun Neno Labrego, coa que pretenden homenaxear a Galiza rural.  

Miguel Tellado, secretario xeral do PP galego [Imaxe: cedida]
photo_camera Miguel Tellado, secretario xeral do PP galego [Imaxe: cedida]

Ante a escultura de Balbino, o protagonista de Memorias dun Neno Labrego que Xosé Neira Vilas escribiu en 1961 desde a outra beira do Atlántico, realizará este ano o Partido Popular a súa homenaxe á Galiza rural con motivo do 25 de xullo.

O acto decorrerá dúas xornadas antes do Día da Patria Galega. Será pois o 23 de xullo na rúa Memorias dun Neno Labrego de Lalín, concello histórico dos populares e cuxa alcaldía veñen de recuperar após perdela hai catro anos e ser gobernada por Rafael Cuíña de Compromiso por Galicia.

Precisamente esta semana realizáronse diversos actos e posicionamentos públicos de entidades sociais denunciando as políticas da Xunta de Galiza e esixindo o fomento da vida e o futuro no rural galego

O secretario xeral do Partido Popular na Galiza, Miguel Tellado, anunciou esta sexta feira 19 de xullo a realización desta conmemoración coa que pechan o curso político.

Precisamente esta semana realizáronse diversos actos e posicionamentos públicos de entidades sociais denunciando as políticas da Xunta de Galiza e esixindo o fomento da vida e o futuro no rural galego.

Así, a plataforma por un Monte Galego Vivo esixiu outro modelo forestal para garantir traballo e protexer o ambiente galego e priorizar a prevención dos lumes fronte a extinción, como acusaron de estar a facer a Xunta. A Rede Rural foi outra das entidades que se pronunciaron publicamente nesta mesma semana esixindo ao goberno de Alberto Núñez Feixoo que non recorte en prazas docentes, de alumando nin en recursos nas escolas e centros de ensino do rural, solicitando pois que freen o desmantelamento da educación.

Miguel Tellado referiuse tamén na rolda de prensa desta sexta á chegada de Gonzalo Caballero ao Parlamento Galego á fronte do PSdeG. Cualificou precisamente esa chegada de “desafortunada”, pois recriminoulle ter “menosprezado unha vez máis o presidente da Xunta”.

Tellado afirmou que “a soberbia que adorna a Gonzalo Caballero non vai aparellada ao seu currículo, xa que carece de experiencia política”. Neste senso, recomendoulle “humildade e respecto por quen si ten dedicado a súa vía a pelexar pola súa comunidade e a traballar polos seus veciños”, afirmou en referencia ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios