venres 07/08/20
BARóMETRO ELECTORAL DO CIS

O PP volvería gañar as eleccións e Podemos e confluencias superarían o PSOE

O partido de Rajoy obtería un 28,8% dos votos, os socialistas 20,5% e a formación de Pablo Iglesias, o 13,2%. En Marea melloraría os resultados do 20-D ao acadar o 1.7%. Suba na estimación de voto para independentistas vascos e cataláns.

O PP volvería gañar as eleccións e Podemos e confluencias superarían o PSOE

De houber eleccións agora, estas volverán ser gañadas polo Partido Popular, que obtería un 28,8% dos votos, unha porcentaxe lixeiramente superior que a que logrou nas urnas o pasado 20 de decembro (28,7%). Insuficiente, porén, para dar un salto notábel en número de deputados obtidos. O barómetro electoral que esta quinta feira fixo público o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), aponta á viabilidade -con matices- do 'sorpasso' de Podemos e as confluencias sobre o PSOE, arrebatándolle a segunda praza. Os socialistas obterían o 20,5% dos votos, punto e medio menos que no 20-D (22,01%). Podemos (13,2% fronte ao 12,6% do 20-D) coa suma de En Marea e En Comú-Podem estaría no 19,4%. Faríalle falla esa cuarta pata das confluencias que foi o 20 de decembro Compromís-Podemos, e que obtería segundo o CIS, o 2,5% dos votos (menos que o 20-D, cando atinxiu 2,67%). Coa suma desa porcentaxe 'valenciana' Iglesias e as alianzas lograrían sumar o 21,9% dos votos, case 2 puntos por diante do PSOE. Mais o que hai algo máis dun mes era Compromís-Podemos, na actualidade non existe. A parte de Compromís optou por se integrar no grupo mixto do Congreso e a outra por se sumar ao 'grupo plurinacional' de Podemos.

Completando o mapa de forzas estatais, Ciudadanos experimentaría un descenso, ficando en 13,3% dos votos, 0,6% menos que hai mes e medio. E Izquierda Unida- Unidad Popular practicamente repetiría resultados: 3,7% de apoios.

En Marea

O CIS di que a coligazón En Marea obtería o 1.7% dos votos (porcentaxe a nivel de Estado), o que supón un lixeiro aumento a respeito dos resultados na cita cioas urnas, cando logrou o 1,63%. Daquela, En Marea superara os 400.000 votos en Galiza, atinxindo o 25,04% dos votos.

En Comú-Podem ratificaríase como primeira forza electoral en Catalunya nunhas eleccións xerais. Se o 20 de decembro obtivo o 3,69% dos votos, agora superaría os 4,5%. Quen cae, e de forma importante, é Democracia i Llibertat, que pasaría do 2,25% a 1,7%. Esquerra Republicana de Catalunya aumentaría apoios, logrando un 2,8% fronte o 2,39% das eleccións xerais.

Quen tamén melloraría os resultados sería o nacionalismo e independentismo vasco. O PNV obtería o 1,3% dos votos a nivel estatal e EH Bildu lograría o 1%. O 20 de decembro os 'jeltzales' lograran o 1,2% mentres que a esquerda abertzale non fora quen de superar o 0,8%.

comentarios