Análise

O PP da Galiza teme Pablo Crespo

O Parlamento da Galiza deberá resolver a vindeira semana una petición para constituír unha comisión de investigación 
Álvaro Pérez Alonso 'O Bigotes', Pablo Crespo e Francisco Correa, no xuízo da Audiencia Nacional en 2018.

O Parlamento da Galiza deberá resolver a vindeira semana unha petición do BNG para constituír unha comisión de investigación sobre a participación do Partido Popular da Galiza no financiamento irregular da formación a nivel estatal. A proposta dos nacionalistas, sinala en relación á causa polos papeis de Bárcenas que “na documentación do procedemento xudicial tamén se fai referencia ao informe de 2006 do entón xerente do PPdeG, que rexistra “mordidas” a empresas por valor de 1,8 millóns de euros, moitas das cales recibiron contratos millonarios do Goberno da Xunta”.

A solicitude ten poucas posibilidades de prosperar pola maioría absoluta dos populares malia que algúns dos feitos están relacionados coa etapa de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda á fronte do partido na Galiza. Así, desde o BNG lembran que “ao fío do proceso xudicial fixéronse públicas diferentes informacións que implican de cheo o Partido Popular da Galiza, como confirmou o ex tesoureiro, Luís Bárcenas, ante o xuíz, declarando que en 2010 o PP de Pontevedra entregou 50.000 euros en negro na sede de Xénova”. 

Os nacionalistas significan na súa iniciativa que “existe un longo historial que vincula o PP galego coa trama de financiamento ilegal tendo en conta que Pablo Crespo, considerado número dous da Gürtel, foi secretario de organización do partido na Galiza durante case unha década e confesou que se repartían sobres entre cargos do PP galego e que o 75% do orzamento das campañas electorais era diñeiro negro”. Crespo, home de referencia durante anos do clan do Salnés, non é un descoñecido para Feixoo, quen o mantivo como vocal de Portos da Galiza na súa etapa como presidente do ente público.

A mudanza na estratexia procesual de Crespo e a súa disposición a colaborar coa xustiza para se acoller a beneficios penitenciarios que lle permitan cambiar de grao e saír da cadea é unha das principais preocupacións dos populares galegos. Crespo, actualmente cumprindo unha condena de 18 anos de prisión polas pezas Fitur e Gurtel 1, comunicou, na última semana de febreiro por escrito, á Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana e á Fiscalía Anticorrupción a súa total disposición a colaborar e ordenou a repatriación do todo o diñeiro agochado en Suíza, cuxa contía se elevou a 2.035.000 euros.

Os contactos da defensa xurídica de Crespo coa Fiscalía e a documentación que estarían negociando entregar poderían provocar un terremoto na Galiza. Neste sentido, e como recollen diversas fontes, o antigo secretario de organización dos populares galegos estaría disposto a achegar recibos que confirmarían pagos en B a dirixentes do partido e ingresos desa mesma natureza na caixa da organización. 

A este respecto, a decisión de Crespo está creando tamén nerviosismo en determinados grupos empresariais galegos que levan décadas colaborando coa formación, algúns desde os tempos de Alianza Popular e que son conscientes do dano que iso causaría.

Crespo sinalou en diversas ocasións posuír documentación sobre a contabilidade paralela do PP, mais nunca até agora amosou disposición en facela pública. Así, por exemplo, en 2015, nunha entrevista ao diario español Público adiantou “que había xente que se negaba a asinar xustificantes de recepción por unha cuestión de prudencia, mais non eran a maioría. Asegúrolle que a cuestión non é que eu teña dous, 10 ou 40 recibos de pagos en B. A cuestión é que teño moitísimos máis, porque eu recibín donativos e apuntaba cada donativo”.

Comentarios