O PP galego estará en Madrid no protesto policial pola lei mordaza

Feixoo lamenta non poder acudir á mobilización de Jusapol por mor da axenda.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta onte dos acordos tomados polo Goberno galego na súa reunión semanal.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta dos acordos tomados polo Goberno galego na súa reunión semanal. (Foto: Arxina)

O PP galego estará representado na manifestación convocada pola entidade de policías e gardas civís Jusapol para este sábado, 27 de novembro, en Madrid contra a reforma da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como 'lei mordaza'. Así o anunciou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que nesta sexta feira deu o seu apoio á protesta á vez que lamentou non poder acudir por razóns de axenda.

Representantes destacados do PPdeG, como o propio secretario xeral, Miguel Tellado, participaron nas protestas da cuarta feira.
Feixoo subliñou que ten "axenda desde hai tempo" no ámbito da pesca  e que por iso non estará no protesto.

Transición enerxética

Noutra orde de asuntos, o mandatario galego participou na xornada "O reto da transición enerxética das empresas da Galiza", organizada por Repsol e pola Cámara de Comercio. Nela, alertou das consecuencias dunha transición enerxética "abrupta" e defendeu a necesidade de planificación. 

Pola súa banda, o presidente de Repsol, Antonio Brufau, que tamén interviu no evento, pediu, na mesma liña que o manifestado por Núñez Feixoo, que a transición sexa "xusta" e que se teña en conta o "valor estratéxico" da industria.

Na súa intervención, o mandatario galego mostrouse moi crítico coa suba do custo da enerxía, que é "tres veces maior que en novembro de 2020". Para Feixoo, isto agrava "as dificultades" dalgunhas "industrias estratéxicas para a Galiza".

Aliás, Antonio Brufau expuxo que desde Repsol traballan en dúas liñas de traballo para a Galiza e A Coruña. Un dos proxectos consiste na utilización do biogás que se obtén na planta de residuos de Albada, na Coruña, para transformalo en hidróxeno renovábel, que se utilizará para a obtención de combustíbeis líquidos de baixo carbono. 

O presidente da entidade informou de que presentarán proximamente este proxecto ao Concello da Coruña.

Por outra banda, Brufau aludiu á firma recente do acordo entre as empresas Naturgy, Reganosa e Repsol para estudar a viabilidade dun "gran proxecto de reciclaxe de xurros e outros residuos industriais". O proxecto, segundo dixo, será descentralizado pola xeografía galega e contará con até 16 plantas de tratamentos de xurros e cinco grandes plantas para obter  biogás industrial.

Comentarios