O PP fica só na aprobación do novo plan forestal galego

Colectivos ambientalistas e a os grupos da oposición no Parlamento acusan a Xunta de fomentar a eucaliptización da Galiza.
Detalle da protesta desta semana ante o Hórreo contra o plan forestal (Foto: Arxina)
photo_camera Detalle da protesta desta semana ante o Hórreo contra o plan forestal (Foto: Arxina)

O Partido Popular quedou só na aprobación do novo plan forestal da Xunta até 2040, logo de non aceptar ningunha das propostas de resolución presentadas pola oposición, que demandaba a retirada do texto para refacelo de novo. Tras un primeiro debate o 23 de febreiro, os grupos non alcanzaron ningún acordo. O BNG presentou 24 propostas e o PSdeG, tres. Ningunha delas foron apoiadas polos populares na votación final que decorreu esta cuarta feira, 24 de febreiro.

María Albert (BNG) e Martín Seco (PSdeG) criticaron que o plan "non se sostén tecnicamente" ao tomar como referencia un inventario forestal de 2018 non actualizado, ademais de non contar con ferramentas de control ante desviacións e fomentar o "monocultivo" de eucalipto.

O plan forestal de 1992, que agora se revisa, prevía que en 2030 habería na Galiza unhas 245.000 hectáreas de eucaliptos. Unha cifra moi excedida xa na actualidade -eran máis de 420.000 hectáreas no inventario de 2018-. 

Durante o debate, o conselleiro de Medio Rural, José González, propuxo á oposición chegar a un acordo para aprobar o plan a través da incorporación no texto dunha suspensión temporal de novas plantacións de eucaliptos nas superficies en que non se plantou até o momento. María Albert censurou o PP por presentar como “proposta estrela” unha medida que xa existe e que leva 12 anos “incumprindo sistematicamente” e que, finalmente non incorpora o plan, e Seco pediu a retirada do plan co obxectivo de volver ao "consenso" da comisión de loita contra o lume de 2018.

O socialista queixouse de que a Xunta actúe como nunha "feira" cun "mercadeo" ao ofrecer unha moratoria da plantación de eucaliptos que "premia a quen incumpriu a lei" ao plantar "onde non se podía".

Eixos do plan

O plan ten seis eixos que prevén un investimento de 4.900 millóns até o ano 2040 e fixa o obxectivo de alcanzar 425.000 hectáreas ocupadas por frondosas autóctonas. O plan da Xunta é eliminar en 2040 até 5% das 420.000 hectáreas de eucaliptos actuais, de forma que 20.000 se convertan en masas doutras árbores.

Pero até 2025 a superficie de eucaliptos pode incrementar 3% sobre a cifra inventariada en 2018, co que podería aumentar 12.600 hectáreas. Con todo, co novo plan  deberá haber un inventario forestal actualizado antes de terminar 2022.

Comentarios