Antón Gómez-Reino: "O PP e Feixoo xogan dopados e co terreo de xogo alterado"

O portavoz de Galicia en Común (GeC) e líder de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino, conversa con Nós Diario sobre os retos que este espazo político encara a nivel organizativo e social, agora, desde fóra do Parlamento galego. A reflexión, a mobilización e o traballo noutras institucións é chave neste momento. 
O coruñés Antón Gómez-Reino é deputado no Congreso.
photo_camera O coruñés Antón Gómez-Reino é deputado no Congreso.

—Como ve a lexislatura que acaba de principiar na Galiza?

Con moita prevención e temeroso do que pode significar unha nova maioría de Alberto Núñez Feixoo nun momento como este, en que a economía, a sanidade e os servizos públicos no noso país están como están.

Galiza precisaba dun cambio político, mais tristemente o conxunto de forzas progresistas non o conseguimos e toca agora fiar ben para construír nos vindeiros catro anos a alternativa a Feixoo e estar en todas as demandas da sociedade galega.

Máis ala do resultado electoral, defendo a existencia dunha maioría social que non está de acordo coas políticas do PP, mais lamentabelmente non conseguimos mobilizala electoralmente. 

—Que fallou na oposición para non gañar a Feixoo?

O PP e Feixoo xogan dopados e co terreo de xogo alterado. Nos meses máis duros da pandemia fixeron un uso maniqueo dos medios de comunicación públicos e invisibilizaron a alternativa. Traballaron sistematicamente para tratar de alterar a visión que a sociedade galega puidera ter da Xunta. 

—E en que fallou GeC?

Non fomos quen de mobilizar o electorado. Alén do votante de GeC que foi a outras opcións progresistas, é evidente que unha parte se abstivo. A incapacidade para xestionar as diverxencias internas dos últimos anos pasounos factura, invisibilizou o noso traballo e non fomos capaces de expor con claridade o noso proxecto para o país.

—Podemos anunciou un proceso de reforzo organizativo. En que se concreta? Seguirá a liderar o partido na Galiza? 

Estamos nun proceso de reflexión que culminará nunha conferencia política a finais de mes. Estudaremos as eivas e a folla de ruta. No que ten a ver coa miña participación, considerei que non había maior irresponsabilidade que, ante un resultado moi negativo nas urnas, tirar a toalla. A miña responsabilidade é colaborar e reforzar Podemos na Galiza. 

—Seguirá no Congreso?

Puxen a miña continuidade a disposición do partido e considerouse necesario que eu seguise a traballar no Congreso. É unha lexislatura transcendental. Se saen avante os orzamentos xerais, para os que se está a traballar tendo en contra os poderes económicos e mediáticos, teremos tres anos para consolidar un momento histórico de Goberno, plural e progresista, que atenda ás singularidades nacionais do Estado. 

—Agora toca oposición desde fóra do Parlamento. Veo difícil?

Se ben é certo que non estamos aí, si estamos noutras institucións onde as problemáticas das e dos galegos tamén se dirimen e continuaremos sendo a súa caixa de resonancia. A nosa presenza no Goberno estatal e noutros ámbitos estase notando e imos traballar para que se note máis en favor das e dos traballadores dos pobos e, particularmente, da Galiza. 

—Por onde pasa a solución a Alcoa?

Defendemos a necesidade dunha intervención pública decidida nos sectores económicos e industriais estratéxicos, e a planta de San Cibrao é estratéxica para a Mariña e o país. Nas negociacións o Ministerio de Industria chegou a pór enriba da mesa a participación por parte da SEPI da compra da fábrica.

O problema fundamental é que a multinacional Alcoa non quere deixar unha empresa competidora no país. Agora toca que a autoridade laboral competente impida que se efectúen os despedimentos, que non paren as cubas e empregar todas e cada unha das ferramentas da Xunta e o Estado para intervir e salvar eses postos de traballo.

Non me cabe dúbida de que ao longo das vindeiras semanas, se non muda a situación, o Goberno estatal porá todas as ferramentas para garantir a continuidade dos empregos. 

Comentarios