O PP experimenta unha perda histórica de poder autonómico

A perda de poder autonómico do PP é tan extraordinaria como a desaparición de Mariano Rajoy na noite electoral. O mapa autonómico dá un xiro e o azul desaparece de boa parte do territorio estatal 

rajoy
photo_camera rajoy

O PP dependerá de C´s para gobernar en catro comunidades autónomas e perde seis nas que contaba coa presidencia no maior golpe electoral desde que tomou as rendas un Mariano Rajoy que na noite electoral estivo ausente. Por moito que desde a sede da madrileña rúa Génova insistisen en seren o partido máis votado, os datos poñen á vista unha espectacular perda de poder.

Das dez comunidades que o PP gobernaba das 13 que tiñan este 24M eleccións autonómicas ademais das municipais, o partido de Rajoy perde a posibilidade de se facer coa presidencia da Comunitat Valenciana, Aragón, Extremadura, Cantabria, Castilla-La Mancha e Illes Balears se prosperan acordos entre o PSOE e Podemos. Están en disposición de gobernar na Comunidade de Madrid, Castilla-León, La Rioja e Murcia se Ciudadanos permite a investidura de presidencias do PP. 

PSOE primeira forza en Extremadura e Coalición Canaria en Canarias

Nalgunha das comunidades gobernada na pasada lexislatura polo PP, chega a producirse o volco electoral deixando mesmo de ser primeira forza como no caso de Extremadura, comunidade na que Guillermo Fernández Vara consigue para situar ao PSOE como partido  máis votado e con opción a goberno de lograr o apoio de Podemos. O mesmo panorama vivirase en Asturias, comunidade na que o PSOE con Javier Fernández á cabeza recunca como forza máis votada e presumibelmente gobernará de chegar a acordo con Podemos. 

Espectacular é a diminución de escanos do PP en Canarias cun descenso de 21 a 12 deixando a Coalición Canaria como a forza máis votada co PSOE como segunda forza. Á mengua de control autonómico súmase á perda doutros feudos municipais como Madrid e Valencia no que Esperanza Aguirre e Rita Barberá quedan fóra das alcaldías. 

Comentarios