O PP evita condenar o franquismo e ao tempo pide ilegalizar fundacións fascistas e comunistas

Ciudadanos tampouco apoiou unha moción de condena do franquismo, e de apoio á exhumación dos restos mortais de Franco, defendida polo PSOE. A iniciativa foi aprobada polo Senado cos votos da esquerda estatal e das forzas nacionalistas e perante a abstención do bloque da dereita (Cs, PP e Foro Asturias).

O Senado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pleno do Senado

O PP evitou condenar o franquismo esta cuarta feira no Senado. Utilizou para iso a táctica de presentar unha emenda inasumíbel para o PSOE, ao identificar a efectos prácticos o nazismo e o fascismo co comunismo.

A emenda formulada polo PP constaba de tres puntos. O primeiro, "reafirmar" a condena do franquismo, nos termos xa expresados polo Senado en 2002 (durante a segunda lexislatura do Goberno Aznar). O segundo, demandar a prohibición de todas as fundacións e asociacións que "exalten ou glorifiquen o Nazismo, Fascismo e todas aquelas ideoloxías populistas que fomentan o enfrontamento entre cidadáns". O terceiro, un apelo a "continuar a protexer os valores fundamentais da nosa democracia recollidos na nosa Constitución española de 1978".

O contido da emenda non deixa de ser contraditorio: por un lado se pide a ilegalización de fundacións "comunistas" e por outro se exalta o espírito da Constitución de 1978, unha carta magna que non se entendería sen o pacto entre o PCE, o PSOE e a dereita post-franquista.

Todo indica, por tanto, que o propósito da emenda era servir de excusa, a súa non aceptación estaba cantada, para evitar outorgar o apoio á moción do PSOE. O PP, desta volta acompañado por Ciudadanos, continúa a súa deriva cara á dereita, aparentemente obsesionado por impedir a emerxencia de Vox.

En todo caso, a moción foi aprobada polo Pleno do Senado, con 97 votos a favor e 136 abstencións.

Comentarios