O PP europeo fica só en Bruxelas coa reforma do aborto

Europarlamentares da esquerda e liberais amosaron o seu rexeitamento ao anteproxecto de lei presentado polo executivo español que consideraron contrario aos dereitos humanos. O PPE afirma que a institución comunitaria non ten competencias para se posicionar ao respeito. 

Perto do 50% da Eurocámara virou as costas esta quinta feira á reforma da lei do aborto presentada polo goberno español. Representantes dos grupos dos verdes, socialdemócratas, esquerda unitaria e liberais amosaron o seu rexeitamento á Lei dos dereitos do concibido e da muller preñada que re-penaliza o aborto no Estado español. 

O grupo liberal tildou o anteproxecto de lei como un "retroceso"

O debate, desenvolvido no Pleno do Parlamento europeo baixo o título de Non discriminación dos dereitos sexuais e reprodutivos, reflectiu unha ampla oposición á medida que racha coa tendenza europea cara á unha progresiva lexislación de prazos. Neste senso, numeros@s eurodeputad@s bateron contra o goberno de Mariano Rajoy ao que acusaron de actuar "baixo a presión da igrexa católica" e "impor a moral dunha parte da sociedade á totalidade". 

Nas súas intervencións --cuxo contido avanzaran en boa medida nos días anteriores á sesión-- liberais como a holandesa Sophia in't Veld consideraron que a aprobación da reforma suporá un retroceso temporal para o Estado español ao restrixir, dixo, "o acceso ao aborto legal e seguro". Aliás, acrecentou a deputada socialista Iratxe García, a modificación que pretende sacar adiante de maneira unilateral o Partido Popular non responde a "ningunha necesidade". 

O PPE di defender os dereitos das mulleres e apela á súa "lexitimidade democrática" para aprobar a reforma

As únicas voces que defenderon o anteproxecto de lei presentado polo ministro de Xustiza español foron @s d@s europarlamentares do PPE en cuxas intervencións bateron contra a propia institución comunitaria á que coidaron incompetente para debater sobre o aborto, unha materia na que as institucións europeas non posúen competencias e que constitúe un asunto interno dos Estados membros. 

"Vostedes queren saltar por riba das regras de xogo", subliñou a deputada popular Teresa Jiménez Becerril. A europarlamentar asegurou que a reforma da lei do aborto debe ser debatida no Congreso d@s deputad@s e mesmo acusou aos demais grupos políticos de procuraren en Europa o que non obtiveran en Madrid. 

Perante as duras críticas lanzadas polas demais forzas políticas á agresión que suporá a repenalización do aborto aos dereitos das mulleres, Jiménez Becerril dixo non admitir "que ninguén diga que o PP non defende os dereitos das mulleres". Neste senso, afirmou, do que se trata "é de concicliar eses dereitos co dereito á vida". Asemade, a eurodeputada do PPE xustificou a capacidade do seu partido para aprobar de maneira unilateral a medida "na lexitimidade democrática" que, di, lle dan as urnas.

Comentarios